Denuncian que Educación tivo ocultos centos de postos de traballo

A CIG asegura que a Consellaría mantivo en precario e agochados algúns postos que agora quere regularizar mais non na súa totalidade.
Concentración de Anpas Galegas e CIG-Ensino contra os recortes de Educación (Foto: Arxina).
photo_camera Concentración de Anpas Galegas e CIG-Ensino contra os recortes de Educación (Foto: Arxina).

A CIG vén de denunciar, a través da súa sección autonómica, que desde hai tempo "a Consellaría de Educación seguiu un proceso precario e, como mínimo, escuro, na contratación de persoal non docente que pretende resolver neste ano a través dunha pseudo-negociación para a regularización en relación de postos de traballo (RPT) de 370 postos de traballo".

Segundo a central nacionalista, a Xunta mantivo estes postos agochados durante anos, "algún mesmo desde o ano 2012”. Ademais, alertan de que "nesta modificación tamén amortizarán 44 postos de traballo".

Sen cobrar complementos

A CIG asegura que a contratación "agochada" estaba "en precario" ao non contar o seu persoal "co dereito a cobrar os complementos que outros que están en códigos de RPT teñen recoñecidos".

Alén diso, ao non coñecerse os postos non foron incluídos nas distintas ofertas de emprego público "nin tampouco foron ofertados ao persoal laboral fixo, nin en concursos de traslados, nin en adscricións provisionais”.

Por último, explican que esta situación impide que "moito do persoal laboral temporal que ocupan esas prazas, e que levan máis de 3 anos nelas, poidan chegar a ser declarados persoal indefinido non fixo". 

A CIG exixe responsabilidades

Desde o sindicato pregúntanse se se tomarán medidas diante esta situación que cualifican de grave. Sinalan ao director xeral de Centros e Recursos Humanos e ao subdirector xeral de Recursos Humanos mais tamén ao director xeral da Función Pública "por ser o responsábel máximo do control do persoal da Xunta da Galiza" e mesmo "o propio conselleiro". 

Manter os reforzos pola Covid-19

Por outra banda, desde a CIG informan que esta cuarta feira rematan os contratos do persoal de reforzo de limpeza, "o único reforzo que a consellería admitiu para o persoal non docente nestes tempos de pandemia", a pesar de que a central nacionalista solicitou en varias xuntanzas o reforzo tamén para o persoal de cociña.

Malia a resposta negativa, desde a CIG teiman na petición de que se manteñan "diante do alto número de contaxios a día de hoxe nos centros de ensino".

Comentarios