Denuncian precariedade e xornadas infinitas no Parque Nacional das Illas Atlánticas

A cara oculta do paraíso turístico está sen resolver desde 2002. Máis de vinte traballadoras e traballadores realizan xornadas seguidas de 24 horas sete días á semana en condicións precarias segundo denuncia a CIG.
Un vixilante do Parque Nacional das Illas Atlánticas recollendo bolsas de lixo co vehículo da Xunta da Galiza (Nós Diario).
photo_camera Un vixilante do Parque Nacional das Illas Atlánticas recollendo bolsas de lixo co vehículo da Xunta da Galiza (Foto: Nós Diario).

O Parque Nacional das Illas Atlánticas forma parte da estratexia turística que a Xunta da Galiza oferta cada ano e que estes días promociona na Feira Internacional de Turismo, Fitur. Tras a imaxe paisaxística e natural está o traballo do persoal de vixilancia, control e xestión destes espazos, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, que vén de denunciar anos de condicións precarias e falta de diálogo por parte da Administración galega.  

No único parque nacional que hai na Galiza as condicións de traballo, segundo denuncian desde a CIG, son "de extrema penosidade", pola dispoñibilidade absoluta e a singularidade das condicións laborais e as horas de traballo sen retribuír que chegan a ser máis do dobre do máximo legal. Roberto Castiñeiras, delegado da CIG e vixilante do Parque Nacional das Illas Atlánticas, explica que levan desde 2002 sen relación de postos de traballo (RPT), unha situación que provoca graves discriminacións salariais entre o persoal funcionario e laboral e entre o persoal de terra e as illas con diferenzas que chegan a ser de 300 euros. "En todos estes anos non houbo negociación nin interlocución", sentencia.  

Filtracións de auga e instalacións de luz e gas sen revisar

O persoal das Illas Atlánticas acompaña a denuncia con imaxes da súa situación na que aparecen colchóns compartidos e en malas condicións e falla de auga potábel. Ademais sinalan os "graves" problemas relacionados co frío, humidades e filtracións de importancia nas vivendas que teñen que ocupar durante as xornadas de traballo, algunhas delas coas instalacións de luz e gas aínda sen revisar. 

Soidade e xornadas especiais sen recoñecer

Son un colectivo de algo máis de 20 persoas que traballa os 365 días do ano, as 24 horas, a través de equipos nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. Permanecen nelas semanas enteiras en quendas de sete días, polo que a soidade é outro dos seus grandes problemas. 

"Non cobren dous en cada arquipélago todo o ano, como figura na avaliación de prevención de riscos laborais", sinala Castiñeiras a Nós Diario, "aínda que nas Cíes e Ons fálase de tres", engade. Non coñece casos semellantes coa excepción dos corpos de extinción de incendios e "a xente que está embarcada". En todo caso, a nivel salarial "estamos igual que o persoal que está na central en Vigo". 

A situación é a mesma para o persoal funcionario, case un 50%, e o laboral, onde ningún deles conta coa xornada especial que realizan. Ademais, estas traballadoras e traballadores teñen que xestionar asuntos que noutros destinos non se asumirían. 

Entre o traballo que non figura na súa función -son vixilantes de recursos naturais-, teñen que realizar a limpeza e xestión do lixo acumulado nas illas ou o transporte de combustíbel. "Estar nunha illa implica embarcar todas as semanas, mesmo con mal tempo, e non está regulada a vida aquí", asegura Castiñeiras. Pon como exemplo os múltiples danos nas instalacións causados polo seu uso e que teñen que solucionar ou agardar días até que chegue alguén para realizar a reparación. "No meu caso quedei sen vehículo un inverno e tiñamos que transportar todo cunha carreta quilómetro e medio", relata. 

Por último, unha das preocupacións deste persoal que traballa nestes espazos é a propia formación para desenvolverse no seu traballo. "Demandamos formación básica no ámbito mariño", algo esencial traballando nunha illas e que no seu caso tivo que xestionar pola súa conta "para poder empregar as embarcacións que facilitan realizar o nos traballo".

Comentarios