Denuncian que a patronal da lousa ourensá usa as vacacións do persoal para paralizar a actividade

A Unión Comarcal da CIG de Ourense remitiu á Inspección de Traballo a "fraude" que aprecia na paralización do sector da lousa por parte da patronal que, segundo indica o sindicato, está a empregar as vacacións do colectivo laboral, de maneira que as traballadoras e traballadores "corren cos gastos" deste parón. 
2020033111533997111
photo_camera A CIG denuncia a "fraude" no peche das empresas ourensás da lousa.

A CIG critica que unha das patronais que historicamente máis fortuna ten acumuladoen Ourense, e que dá emprego directo a 2.500 persoas, pague a factura da emerxencia sanitaria e do estado de alerta a conta do seu persoal.

O sindicato chama a atención sobre o "acordo exprés" acadado por estas empresas en tan só 24 horas. “E xusto no mesmo día no que a ministra de Traballo recordaba publicamente que de maneira algunha se podía xustificar a paralización da actividade produtiva en base a vacacións”, observa.

"Aínda teñen a pouca vergoña de sacar unha nota pública agradecendo aos seus empregados ese xesto de apandar en solitario coa medida que só a patronal tomou, xusto no momento no que lle resultaba imposíbel manter a actividade produtiva”, critica. 

A CIG xa denunciara actuacións "irresponsábeis" da patronal deste sector, por "transportar o persoal amoreado en vehículos todo terreo" malia as restricións derivadas da crise sanitaria. Neste sentido, a central sindical denuncia tamén a colaboración "case prevaricadora" da Garda Civil".

"Seguimos a ter a mesma patronal louseira  que hai décadas; a mesma que negaba taxativamente a posibilidade de que os seus traballadores enfermaran de silicose, esa enfermidade que xa afecta centos de persoas en Valdeorras”, censuran desde a CIG. 

Comentarios