Denuncian en Inspección de Traballo a morte dun veterinario nas Nogais

O sindicato entende que “existen responsabilidades no sucedido tanto por parte da empresa Tragsatec como por parte da Xunta”.
Vacas nunha explotación láctea (Nós Diario)
photo_camera Vacas nunha explotación láctea (Nós Diario)

CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo pola morte en accidente laboral dun veterinario da empresa Tragsatec o pasado día 28 de Maio nas Nogais, concello da comarca dos Ancares.

Con esta denuncia, explica o sindicato, “e a traves dos dados aportados na mesma”, espera que se axude a esclarecer o accidente laboral, e a comprobar “as deficiencias no referente a materia de seguridade e saúde laboral co que o persoal do saneamento gandeiro traballa, e a depurar as responsabilidades correspondentes”.

Mais alá do propio accidente, desde a CIG entenden que a perda deste veterinario ten que servir “para que se produza un cambio substancial nas condicións de traballo do persoal veterinario que realiza as campañas do saneamento gandeiro”.

“Estamos a falar neste caso dun servizo público e dunha empresa pública, que están a priorizar criterios de rendibilidade económica fronte ao criterio de seguridade do persoal veterinario que realiza as funcións”.

O sindicato entende que “existen responsabilidades no sucedido tanto por parte da empresa Tragsatec como por parte da Xunta”, e anuncia unha campaña para exixir melloras de seguridade para o persoal que realiza as campañas do saneamento gandeiro. Así, o vindeiro 25 de xuño convoca unha concentración diante da sede da empresa Tragsatec en Lugo e o 2 de Xullo unha diante do Edificio da Xunta na cidade lucense .

Comentarios