Denuncian que a CRTVG obriga a reincorporarse un traballador malia estar en grupo de risco

A CRTVG vén de requirir formalmente e por escrito a reincorporación "inmediata" dun traballador, declarado especialmente sensíbel ao risco de contaxio de coronavirus por padecer unha patoloxia de base. Así o denuncia o delegado da CIG na corporación pública, que sinala que a comunicación se remite a que o profesioal “ten á súa disposición material de prevención" e recomenda "distanciamento e o emprego de máscara”.

 

 
 

venres negros 27 xullo 2018
photo_camera Protesta do persoal da CRTVG durante os chamados 'Venres negros'.

O sindicato nacionalista advirte que a responsábel de Relacións Laborai, asinante da comunicación, "pasa por alto o feito de as escasas máscaras que a CRTVG pon a disposición do persoal, do tipo autofiltrante, están a se reutilizar de día para día, en contra das recomendacións contidas no procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais frente á exposición ao SARS-CoV-", en cuxa elaboración, apunta, participaron distintos organismos dos ministerios de Sanidade e Traballo, organizacións profesionais relacionadas coa medicina, a seguridade e a saúde no traballo e sindicatos.

Nese sentido, censura a "irresponsabilidade" e a "temeridade" da dirección da CRTVG, "á que lle custa entender que, no actual contexto de emerxencia sanitaria, as traballadoras e traballadores  especialmente sensíbeis -como o caso en cuestión, aqueixado dunha patoloxía cardíaca de base- deben ficar en casa".

Como tamén fai notar, a avaliación de risco biolóxico por exposición ao coronavirus levada a cabo polo servizo de prevención  indica, en relación ao persoal sensíbel, que “soamente pode minimizarse co illamento domiciliario" "Por iso, para este colectivo deberase valorar de maneira prioritaria o teletraballo”, estabelece.

As tarefas do afectado son, a xuízo da CIG, susceptíbeis de realizarse a distancia, por tratarse da "revisión das distintas noticias dos distintos informativos que coincidan na súa quenda". 

"Aínda no caso de non ser posíbel o traballo a distancia, a resolución do 15 de marzo da Xunta dispón a permanencia domiciliaria dos e das empregadas públicas se non se considerar as funcións a realizar de carácter esencial, unha condición dificilmente defendíbel cando a tarefa encomendada, que non se corresponde coa definición da categoría profesional de axudante de realización á que pertence o traballador, non ten a substantividade necesaria para requerir un posto de traballo específico", fai constar o delegado sindical. 

Comentarios