O COMITé DE EMPRESA ANUNCIA MOBILIZACIóNS

Denuncian condicións laborais “de escravitude” nos centros de Traballo e Benestar

O Comité de Empresa dos centros responsabilidade de Traballo e Benestar acusan a conselleira Beatriz Mato de impoñer unas condicións laborais “de escravitude e de crueldade física e psicolóxica”.

vellos
photo_camera vellos

O Comité de Empresa dos centros para maiores xestionados pola Xunta de Galiza emitiu hoxe un duro comunicado de denuncia das condicións “de escravitude” que padece o persoal laboral dos centros de día e residencias para maiores e centros de menores. “Somos vítimas de quendas de traballo estresantes, machacadoras e escravistas”, advirten. Trátase dun traballo cun alto compoñente físico e psicolóxico.

“A situación chega á crueldade cando se lle denegan as vacacións ao persoal que esta facendo substitucións de baixas de longa duración, cando se fan contratos en precario de media xornada, fins de semana ou por horas ou cando o persoal en quenda ten que asumir o traballo de outro persoal que non se cobre de vacacións, de baixa ou de permiso xustificado”, recolle o comunicado.

Segundo o Comité de Empresa, as quendas de traballo ocupan sete días continuados de traballo con tres noites consecutivas. Líbrase un de cada tres domingos e non existe ningunha regra que regule a libranza de festivos. Isto implica que o persoal traballaría a meirande parte das feiras sen ningún tipo de compensación. 

A situación que padecen estes traballadores e traballadoras provoca “un aumento vertixinoso” das baixas laborais tanto por accidentes laborais como por estrés, así como por lesións musculares. De feito, advirte o Comité, o dos centros de día, residencia de maiores e centros de menores é o colectivo con máis baixas no cadro de persoal dos centros da Xunta de Galiza.

Os traballadores e traballadoras anuncian mobilizacións

Ante a “xestión temeraria que pon en perigo a saúde do persoal laboral de atención directa e que diminúe de maneira considerábel a prestación ás persoas usuarias”, o Comité de Empresa anuncia o inicio dunha xeira de mobilizacións no mes de setembro. A través de diversas protestas, os traballadores e traballadoras esixirán solucións contra “a precariedade laboral” e “a calidade das prestacións”.

O Comité de Empresa responsabiliza directamente Beatriz Mato da situación que padece o persoal laboral. “Todo é desidia, inoperancia, prepotencia e imposición por parte da conselleira e dos directivos a dedo que ten nomeados para xestionaren os centros de atención directa”, afirma o comunicado.

Comentarios