"Caos” e “atrasos” na atención sanitaria aos mariñeiros expulsados de Irlanda pola Covid-19

Denuncian “caos” e “atraso” na atención á tripulación do barco Manuel Lara á súa chegada a Vigo. O BNG leva ao Congreso o caso deste pesqueiro expulsado de Irlanda logo de as autoridades irlandesas denegarlle auxilio a pesar de ter a bordo casos de Covid-19.

O pesqueiro Manuel Laura (Foto: CIG)
photo_camera O pesqueiro Manuel Laura (Foto: CIG)

Con "caos" e "atraso" foi atendida a tripulación afectada pola Covid-19 do pesqueiro Manuel Laura á súa chegada a Vigo, "por un problema de competencias" (o barco ten bandeira británica pero capital galego, e os mariñeiros son maioritariamente do Morrazo). O Manuel Lara chegou ao porto de Vigo a 3 de agosto logo de ser expulsado de Irlanda e, segundo denunciou a CIG, a illa denegou prestarlle auxilio a pesar de contar con contaxiados coa Covid-19 a bordo (confirmouse que nove tripulantes son positivos, dos que tres foron ingresados no hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que o resto permanece illado no barco).

O “caos” e o “atraso” na atención foi denunciado polo representante do sector do Mar no sindicato CIG, Xavier Aboi, que censurou que non houbese "ninguén nin de Sanidade Exterior nin do Sergas" no porto de Vigo para recibir estes mariñeiros, e que a primeira ambulancia chegou dúas horas despois de que o pesqueiro atracase, mentres que a segunda tardou outra hora máis, cun profesional para facerlles proba PCR. Tamén puxo de manifesto a "falta de coordinación" para evacuar os enfermos máis graves.

Aboi criticou que os nove tripulantes que non foron evacuados (seis deles con Covid-19) quedaron illados no propio barco e reclamou que poidan facer a corentena nos seus domicilios, hoteis ou na propia Casa do Mar. "É unha barbaridade que os obriguen a permanecer no reducido espazo do barco", lamentou.

O BNG leva o caso ao Congreso

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou esta cuarta feira, 4 de agosto, varias preguntas dirixidas ao Goberno estatal sobre o ocorrido en Irlanda ao pesqueiro Manuel Laura.

O buque partiu en dirección ao Gran Sol para faenar e, en plena travesía, un dos 12 tripulantes (todos foron vacinados antes de partir) comezou a estar indisposto e outros mariñeiros presentaban síntomas de infección por coronavirus. Tras contactar co Centro Radio Médico de Madrid, o barco puxo rumbo ao porto irlandés de Castletownbere seguindo o protocolo, para reclamar atención médica. Con todo, as autoridades locais non lles prestaron ese auxilio, alegando falta de medios para desprazar os enfermos a un hospital, e " incumprindo o Regulamento Sanitario Internacional".

Segundo apuntou Néstor Rego, "o Goberno do Estado español debería actuar de forma inmediata ao coñecer o caso, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, ante o Goberno irlandés, para que se puxesen ao dispor dos tripulantes os medios sanitarios adecuados".

O deputado do BNG sinalou que "non consta que se fixese xestión ningunha desde o Goberno español ou o galego para mediar ante Irlanda", e reclamou que, agora que o pesqueiro xa está de regreso na Galiza, o Executivo "esixa que se investiguen os feitos" e adopte "medidas contundentes" ante o ocorrido. "Coa súa actuación, as autoridades de Irlanda, país membro da UE, puxeron en risco a vida dos mariñeiros", criticou.

Comentarios