Denuncian Alu Ibérica diante da Inspección de Traballo

O comité de empresa demanda que se actúe na empresa por presuntas irregularidades.
Rolda de prensa do comité diante da Inspección de Traballo (Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa do comité diante da Inspección de Traballo (Nós Diario)

O comité de empresa de Alu Ibérica presentou onte unha denuncia na Inspección de Traballo da Galiza por presuntas "irregularidades" cometidas polo novo propietario nos últimos meses. O presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho, explica a Nós Diario que desde Alcoa "elixiron a Parter como inversor cando sempre dicían que buscarían un inversor serio".

No escrito presentado en Inspección figura a situación que viven traballadoras e traballadores desta factoría "desde que se asinou ese acordo con Parter o día 31 de xullo". O representante do cadro de persoal sinala que houbo unha xestión da empresa "para causar un prexuízo a propósito". Pon como exemplo que se esgotan os inventarios, falta de pagos a provedores, problemas con clientes e non saber o destino que leva a produción actual.

"Non hai transparencia", denuncia. A intención do comité é que se faga un informe destes feitos por parte da Inspección. "Que investigue e interrogue" para logo dar traslado do resultado ás autoridades de Traballo.  

Problemas para realizar asembleas informativas

Onte tamén as traballadoras e traballadores tiveron problemas para realizar a súa asemblea semanal no cambio de quenda. "A única maneira que temos de ver as compañeiras e os compañeiros coa actual situación provocada pola COVID-19 é nese momento".

Membros de seguridade impediron o paso das persoas representantes sindicais e tivo que intervir a propia Subdelegación do Goberno e a policía. "Inspección xa ten tamén informe deste incidente que consideramos grave", explica o responsábel do comité de empresa.

Anuncian varias mobilizacións para os vindeiros días. A primeira será o 28 de maio e consistirá nunha marcha en coches que sairá da propia fábrica ás 11.30 horas para percorrer a cidade. 

Comentarios