Denuncian abusos das ETT en empresas do sector TIC

A CIG iniciou no polígono de Costa Vella en Compostela unha campaña de mobilizacións para denunciar a precariedade e as prácticas lesivas que empregan as Empresas de Traballo Temporal (ETT) que xestionan o emprego nas compañías do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Concentración da CIG-TIC dinate de Iman Temporing (CIG)
photo_camera Concentración da CIG-TIC dinate de Iman Temporing (CIG)

Soldos cativos e moitas horas de traballo. Esta é a situación de moitas persoas que manteñen unha relación laboral con algunhas empresas das denominadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O sector do que máis se fala en futuro ten a súa propia cara oculta que vén de denunciar a CIG co inicio dunha campaña que pon en evidencia o emprego de Empresas de Traballo Temporal (ETT) por parte de compañías que operan no sector.

Desde CIG aseguran que hai persoal que queda sen vacacións mesmo cando levan 16 meses traballando e efectúan despedimentos cando hai algunha baixa xustificada. "Hai casos en que contratan unha persoa coa retribución axeitada e ao día seguinte a outra a través dunha ETT para o mesmo posto e facendo o mesmo mais cobrando 1.000 euros menos", explica a Nós Diario Alexandre Espinosa, responsábel da CIG-TIC. 

Este tipo de prácticas, alertan desde a central nacionalista, está cada vez máis estendida polo aforro de custes para a empresa. Espinosa asegura que hai dous mundos ben diferenciados dentro das empresas TIC. "Está o perfil de programación, moi buscado, e este de soporte telefónico que é o máis precario", asegura. A primeira acción desta campaña tivo lugar onte diante da ETT Iman Temporing, no polígono da Costa Vella en Compostela. A intención da CIG é vixiar que as empresas non lesionen os dereitos das persoas  profesionais do sector. 

A primeira acción desta campaña tivo lugar onte diante da ETT Iman Temporing, no polígono da Costa Vella. Unha das empresas que aseguran realizan esta práctica é Indra após absorver Telecom. "Non é de recibo que compañías millonarias precarice á xente", di Espinosa.

A intención da CIG é vixiar que as empresas non lesionen os dereitos das persoas  profesionais do sector. Terán en conta nas súas denuncias se as empresas contan con algún contrato ou oferta pública de prestación de servizos informáticos para que se rexeite a súa contratación a través dunha ETT.

Comentarios