Demandan garda de 24 horas nos xulgados da Coruña e Vigo

CIG-Xustiza, BNG e En Marea realizan unha petición conxunta no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza emita o informe necesario para modificar o sistema de gardas en ambas cidades. 

 

Rolda de prensa CIG-Xustiza, BNG e En Marea no Parlamento (CIG)
photo_camera Rolda de prensa CIG-Xustiza, BNG e En Marea no Parlamento (CIG)

Unha representación de CIG-Xustiza compareceu esta cuarta feira 6 de novembro en rolda de prensa, no Parlamento de Galiza, xunto cos portavoces en materia de xustiza do BNG e En Marea, Luís Bará e Luís Villares, para demandar que a Xunta de Galiza –a administración que falta por facelo – emita o informe necesario para a modificación do sistema de gardas dos partidos xudiciais de Vigo e A Coruña, os únicos con 8 xulgados de instrución do Estado de español que non teñen gardas de 24 horas.

Eva Rodríguez, representante da CIG-Xustiza, denunciou que “somos as dúas únicas cidades que seguimos con 8 xulgados de instrución e unha garda semanal” polo que pensan tamén abordar esta cuestión co alcalde de Vigo e a alcaldesa da Coruña.

A este respecto, o portavoz de En Marea, Luís Villares, denunciou o «incompresíbel bloqueo político” da Xunta. Polo seu lado o deputado do BNG e membro da comisión primeira, Luís Bará, afirmou que “hai unha demanda tramitada cos informes correspondentes de todos os operadores xurídicos, apoiada desde as organizacións sindicais e non hai ningún motivo para que a Xunta non emita o informe necesario para que se poida cambiar o sistema”.

Comentarios