Demandan un “convenio digno” para as persoas que traballan no sector da atención á discapacidade en Galiza

atencion a discapaidade

Medio cento de delegados da CIG concentráronse esta cuarta feria, Día Mundial do Síndrome de Down, por un convenio digno para as 2.000 persoas que en Galiza traballan na atención á discapacidade. As persoas concentradas criticaron o “inmobilismo e mesmo a involución nas propostas da patronal na negociación do XV Convenio estatal” deste sector.

Unha suba lineal de 531 euros anuais para os salarios inferiores ao soldo medio galego anual (sobre 17.700 euros) e de 3% para o resto nas táboas salariais anuais, así como un acordo plurianual de compensación pola perda acumulada de poder adquisitivo (en 5,2%) nos últimos anos e a recuperación do complemento de de antigüidade (trienios). Estas son as demandas básicas defendidas na mobilización.

Estas demandas, explica a central sindical, foron acordadas nas asembleas que se levaron a cabo cos empregados e as empregadas deste sector recollen tamén outras melloras no eido laboral como a redución da xornada a 35 horas semanais nos centros de atención especializada e centros especiais de emprego, igualando a xornada dos centros educativos á do ensino concertado, a eliminación dos descontos en caso de incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral nos tres primeiros meses, o recoñecemento de enfermidades profesionais e a inclusión de novos complementos de penosidade, perigosidade e toxicidade.

Nas tres últimas reunións realizadas no marco da negociación deste convenio o sindicato sinala que foi constatábel que “non só se constatara inmobilismo por parte da patronal senón incluso certa involución nas súas propostas”. 

Comentarios