O delegado do Goberno español na Galiza confirma o regreso da tripulación do pesqueiro afundido no Gran Sol

Sobre cando chegarán á Galiza, José Miñóns matizou que "aínda non temos esa información, pero imaxino que entre hoxe e mañá".
O pesqueiro 'Pedras', sinistrado esta cuarta feira en augas do Gran Sol. (Foto: Salvamento Marítimo)
photo_camera O pesqueiro 'Pedras', sinistrado esta cuarta feira en augas do Gran Sol. (Foto: Salvamento Marítimo)

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, confirmou que a tripulación do pesqueiro galego Pedras, afundido no Gran Sol, a 64 millas da costa de Irlanda volverá á Galiza en vindeiros días.

En declaracións aos medios, o delegado do Goberno subliñou que os mariñeiros "se atopan xa en terra" tras a súa chegada ao porto de Castletownbere. "Están todos a salvo e en bo estado", congratulouse.

Aínda que a embarcación, "por desgraza, non se puido recuperar", "salváronse as vidas que era o que máis preocupaba". "Estamos en contacto directo coa armadora que se vai a encargar de todos os trámites para que volvan", indicou.

Sobre cando chegarán á Galiza, Miñóns matizou que "aínda non temos esa información,, pero imaxino que entre hoxe e mañá".

"Recuperándose do shock"

Mentres tanto, os mariñeiros do Pedras seguen "recuperándose do shock derivado do sinistro", segundo explicou o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, a Europa Press.

Unha vez que os mariñeiros chegaron a terra, a investigación comezou co capitán do pesqueiro galego realizando a "protesta de mar", manifestando os feitos de forma cronolóxica nada máis chegar ao porto.

Dado que o pesqueiro tiña pavillón británico, a Axencia Marítima e de Gardacostas (MCA) de Reino Unido abrirá expediente de investigación para intentar coñecer como se produciu o incidente e posterior naufraxio.

Comentarios