Defensa tenta desmobilizar as traballadoras de Cleanet co anuncio da resolución do contrato

Fíxoo horas antes de se producir unha concentración perante o edificio do Ministerio. 

Cleanet
photo_camera [Imaxe CIG]

O Ministerio de Defensa anunciou, apenas unhas horas antes de se celebrar a concentración das traballadoras de Cleanet diante da súa sede -a mañá desta quinta feira-, o incio do procedemento para a resolución do contrato que vencella o departamento de Pedro Morenés coa empresa adxudicataria do servizo de limpeza das instalación militares de Ferrol e Pontevedra, entre outras localidades do Estado español.  

O responsábel comarcal da CIG Servizos en Ferrolterra, Fernando Balsa, acolleu con “cautela” a decisión do Ministerio e cualificouna como un “claro intento de desmobilizar” cando as traballadoras levan meses pedindo a rescisión do contrato coa firma catalá por impago de salarios e incumprimento dos pregos de condicións. De feito, hai xa varias semanas que o Ministerio deixou ver que non conviña finiquitar o acordo pola proximidade da fin da vixencia do mesmo, este mes de marzo. 

Defensa recoñece ter mantido “contactos frecuentes” cos responsábeis da empresa para resolver o conflito que finalmente non frutificaron

A medianoite saíron de Ferrol e Pontevedra dous autocarros fretados pola CIG e mais CCOO para trasladar un cento de persoas a Madrid, onde confluirán tamén traballadoras da mesma empresa doutros territorios do Estado, como Euskadi, que se atopan nunha situación similar, con dous meses e medio de folga e sen cobrar os seus salarios desde o mes de setembro. 

Na nota de prensa, Defensa recoñece ter mantido “contactos frecuentes” cos responsábeis da empresa para resolver o conflito que finalmente non frutificaron. Asemade, anuncia a aprobación dun novo acordo marco no que se “reforce aínda máis a protección dos dereitos das traballadoras”, incluido, di, a subrogación, unha figura que contempla desde 2005 o convenio estatal de limpeza. 

Comentarios