Informe a CIG sobre mercado

Unha década de desigualdade social e laboral

A radiografía do informe da CIG sobre o mercado laboral galego en 2019 e a súa evolución na última década fala dunha crecente precariedade, un aumento da emigración xuvenil e unha consolidación do "traballador pobre", nun período que coincide cos mandatos de Feixoo á fronte da Xunta. A receita do sindicato: "facer todo o contrario dos últimos anos" para recuperar 
un emprego de calidade.  
2020022819401045034
photo_camera Traballadores de Navantia, durante a votación do plan estratéxico (Europa Press)

Uha década marcada polos fortes retrocesos de alcance social e laboral, que derivaron nun empeoramento das condicións das persoas traballadoras e un forte aumento das desigualdades. É a imaxe que abre o informe do mercado laboral na Galiza da CIG correspondente a 2019, pero que fai unha panorámica dos últimos dez anos, coincidindo cos peores anos da crise económica e, tamén, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á presidencia da Xunta.

Presentárono onte a economista do sindicato Natividade López e o responsábel do Emprego, Fran Cartelle, que amosaron a súa preocupación pola "alarmante" alza das desigualdades. Estas plásmanse xa, segundo o estudo, na distribución primaria da renda, pois se no ano 2008 a remuneración das persoas asalariadas absorbía 46,8% do Produto Interior Bruto os últimos datos falan dun descenso de 4,4 puntos, até 42,4%. Tamén na poboación asalariada: non só diminuíu senón que modificou a súa estrutura para dar maior peso ás xornadas a tempo parcial, unha maior temporalidade e unha menor duración dos contratos, co correspondente aumento das diferenzas salariais.

A perda de persoas asalariadas que debuxa a análise da CIG é ademais moi desequilibrada, xa que aumenta nos tramos con menores ingresos pero redúcense nos de máis. Segundo datos da Axencia Tributaria, unha de cada seis persoas asalariadas (172.823) ingresou como máximo a metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), é dicir, até 2.174 euros ao ano de media, e unha de cada tres cobrou menos do SMI, mentres que  existe un 0,3% da poboación que tivo uns ingresos anuais superiores a 182.800 euros. 

Ao comparar os ingresos entre o tramo maior e menor constátase a crecente polarización: se en 2009 os ingresos dunha persoa do tramo máis elevado equivalían a 66,5 persoas do máis baixo en 2018 a diferenza elevouse até as 83,7 persoas.  

Remitíndose ás cifras da Axencia Tributaria, o documento conclúe que Galiza está hoxe "moi lonxe de acadar o poder adquisitivo de 2009". Así, aínda sinalando que na última década o salario medio anual aumentou 5,2% advirte que, ao ter en conta a inflación (a través do IPC), a cifra "en termos reais" revértese: dado que esta medrou 11,8% o saldo pasa a ser negativo, cun salario medio 6,6% inferior ao que había en 2009. 

Para a CIG, esta evolución ten que ver cos cambios do mercado de traballo, que viviu nos últimos anos dúas reformas laborais "encamiñadas a debilitar os sindicatos, facilitar o despedimento e precarizar as condicións laborais". Nunha década do PP na Xunta, o informe salienta as políticas de austeridade, "que diminuíron a protección social mediante recortes de gasto público", e dá un exemplo: nos Orzamentos galegos de 2019, o conxunto do chamado gasto social –educación, sanidade, vivenda e asuntos sociais– foi inferior ao de 2009. 

Menos poboación activa

O estudo da CIG destaca como unha das cuestión máis graves do mercado laboral galego a perda de poboación activa na última década, con 78.400 persoas menos, 5,9%. Como sinala, esa redución céntrase nas persoas menores de 40 anos, onde a baixada é moi acusada. Segundo estes datos, as menores desa idade pasaron de representar 50% da poboación activa en 2009 a 39% en 2019, o que constata o importante avellentamento da poboación activa.

A análise do mercado laboral apunta ademais a un contexto de alta precariedade, no que case a metade dos contratos rexistrados na Galiza (47%) duraron menos de un mes no último ano, no que unicamente 8,3% do máis dos 1,08 millóns de contratacións foron indefinidas.

As mulleres son, segundo o informe, as máis prexudicadas por esta circunstancia: malia rexistrar maior número de contratos, crecen aqueles a tempo parcial, de maneira que se en 2009 representaban 36,8% do total, en 2019 foron máis da metade (51,6%). Nos homes, pola contra, pesa máis a contratación a tempo completo, que supón 74% do total. 

Variación por xénero

Entre as persoas ocupadas, os datos da CIG apuntan a outra importante diferenza por xénero: a perda de emprego durante a crise afectou a 59.200 homes e 1.900 mulleres, se ben a recuperación tamén afectou de forma máis acusada ao sector masculino. En 2019 o informe indica que había 61.000 persoas ocupadas menos que unha década antes. En canto á taxa de actividade, a masculina pasou de 52,8% en 2009 a 51,8%, mentres que a feminina aumentou de 41,8% a 42,8%. Se o que se mira é a taxa de ocupación da poboación de entre 16 e 64 anos –a idade laboral– as cifras varían: nos homes, descenderon nesa década de 69% a 68,1%, mentres que nas mulleres subiron de 57% a 61,4%.

Unha explicación pode buscarse no impacto da crise por actividades: a que máis destruíu emprego foi a construción, con 48.900 persoas ocupadas menos nunha década, así como noutras ramas masculinizadas. Pola contra, as actividades sanitarias, as vinculadas cos servizos sociais e dos servizos, moito máis feminizadas, xeraron o maior número de persoas ocupadas. 

Segundo o documento presentado onte, o sector público tamén se viu afectado pola destrución de emprego, cunha estimación de 10.900 empregadas e empregados menos en 2019 que unha década antes. 

Neste panorama, o responsábel de Emprego da CIG Fran Cartelle urxiu onte a tomar medida para recuperar a creación de emprego "de calidade" e reverter a desigualdade de xénero cunha fórmula: "facer todo o contrario aos últimos anos". Nesta liña, chamou á derrogación das últimas reformas laborais, das que recalcou que só serviron para "abaratar" os custos do despedimento e rebaixar os salarios. Entre as accións a adoptar, pediu acabar coa "fraude" dos contratos temporais, subir o salario mínimo a 1.200 euros ou intensificar as inspeccións laborais. 

Comentarios