mércores 21/10/20
Liñas de actuación común

Da derrogación das reformas laborais a reverter a ‘Lei Mordaza’, demandas de CIG e ELA ao novo goberno

As organizacións sindicais maioritarias da Galiza e Euskal Herria afondaron nunha xuntanza en Bilbo na análise da conxuntura laboral, social e política que viven as respectivas nacións e no Estado.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril e o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza, o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, e a secretaria de Relacións Int
Laura González de Txabarri (secretaria de Relacións Internacionais de EL, Paulo Carril (secretario xeral da CIG), Mitxel Lakuntza (secretario xeral de ELA) e Francisco Sío (secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG)

A derrogación das reformas laborais, das pensións, da negociación colectiva ou da lei mordaza son algunhas das demandas que os sindicatos CIG e ELA poñen sobre a mesa de tarefas para o novo Goberno do Estado. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, e o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza, compareceron en Bilbo para presentar as liñas de actuación común acordadas entre as organizacións sindicais maioritarias de Galiza e Euskal Herria para achegar as súas demandas ao novo Executivo que se conforme.

A comparecencia tivo lugar no decurso dun encontro que se desenvolverá ao longo de toda a xornada desta segunda feira. Ambas as organizacións sindicais afondaron na análise da conxuntura laboral, social e política que viven as respectivas nacións e no Estado. Máis en concreto, propuxéronse “afondar, partillar o diagnóstico e proposta sobre varias materias que interpelan tanto á CIG como a ELA  directamente”, indican nun comunicado.

Os dous sindicatos partillan que ambas as dúas “nacións asistimos a un grave deterioro das condicións laborais”  e sofren unha axenda neoliberal compartida polos gobernos autonómicos”. O aumento do desemprego e a emigración, ao tempo dunha grave crise industrial na Galiza, ou o incremento da pobreza en Euskal Herria son algúns exemplos desa situación.

Afirman tamén partillar “a preocupación pola crise do Estado español (que non crise territorial, nin crise catalá) ante a cal unha maioría política parece propoñer tan só políticas represivas e antidemocráticas”. “Tanto ou máis grave que o auxe da extrema dereita parécenos preocupante a deriva cara ao autoritarismo de todo o arco político”.

Reivindicacións

Unha axenda social “inequívoca que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais”, ademais da extensión de políticas que “garantan a igualdade de xénero, a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e das pensións, os servizos públicos, da protección e os dereitos sociais”, son as reivindoicacións que fan CIG e ELA.

Tamén demandan “o dereito para negociar as condicións de traballo nos nosos respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que deron na estatalización das relacións laborais, e con iso, dar máis amplitude á precariedade e os baixos salarios”.

Unha axenda “democratizadora ampla”, a “primacía da política para resolver os conflitos nacionais, como o que enfronta a Catalunya e o Estado” ,  son outras cuestións propostas.

comentarios