Suspendida, que non desconvocada, a greve na xustiza

A decisión tería o apoio de varios sindicatos.A  CIG decidirá esta tarde que posicionamento adoptar. Esta segunda feira o protesto fai 3 meses.

DclFhalW4AETywW
photo_camera Concentración esta segunda feira, cando se fai tres meses de greve.

Suspendida a greve na administración de xustiza, que esta segunda feira fai 3 meses. Así o confirmaron a Sermos Galiza fontes sindicais, que fan fincapé en que a greve non se desconvoca, simplemente se suspende ‘sine die’ para intentar chegar a un acordo. A decisión valórase en asembleas que se están a realizar esta segunda feira, xuntanzas nas que -segundo estas fontes- CUT e STAJ apoian este paso mentres que a CIG comunica o seu desacordo. Porén, a posición definitiva desta central vaise adoptar nesta tarde.

A Xunta indica que está disposto a sentarse cando sexa para asinar o acordo, mais o acordo asinado hai uns días con varias centrais sindicais e que foi desbotado polo resto das que integraban o comité de greve.

A semana pasada CCOO descolgábase da greve, indicando que entendía que era momento de poñerlle fin á mesma e animando a súa afiliación a reincorporarse ao traballo esta segunda feira.

A decisión adóptase no día en que os edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron concentracións en solidariedade cos traballadores e traballadoras da administración da xustiza, que levan 3 meses en greve. Unhas concentracións, nas que, para alén de expresar o apoio ás grevistas, demandaban da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito.

Comentarios