CUT recorre ante o propio Constitucional o auto que suspendeu a súa manifestación do 1 de maio

Pide que o auto se someta a Pleno para “corrixir unha resolución restritiva e regresiva antes de pedir a intervención do Tribunal europeo dos dereitos humanos”.

cut
photo_camera cut

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) presentou esta segunda feira recurso de súplica contra o auto de 30 de abril de 2020 da Sala Primeira do Tribunal Constitucional (TC) polo que se inadmitiu a trámite o recurso de amparo interposto pola CUT contra a sentenza 135/2020 do TSXG que refrendou a prohibición da caravana do 1º de Maio en Vigo por parte da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.

A CUT considera que, “pola relevancia da controversia e a propia trascendencia pública que tivo a división dos maxistrados da Sala (“que resolveu en contra polo voto de calidade do Presidente”), cómpre un pronunciamento do Pleno do Constitucional antes de presentar recurso no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Para o sindicato, cando outros estados europeos autorizaron as manifestacións do 1 e maio -”chegando Portugal mesmo a protexer este dereito fundamental no seu decreto do estado de alarma”-, o que está en liza é “o propio estatus democrático do Estado español, xa que o auto recurrido valida unha suspensión total do dereito de reunión e manifestación mentres dure o estado de alarma”.

O recurso de súplica da CUT entre outras cuestións apunta que o TC perdeu de vista a “primordial protección do dereito de manifestación”.

A Central entende que o Constitucional ten así “a derradeira oportunidade de corrixir unha resolución restritiva e regresiva antes de pedir a intervención do TEDH por violación do artigo 11 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos que protexe o dereito de reunión”.
 

Comentarios