CUT querélase contra Grande Marlaska

Considera que a denegación da súa manifestación do 1º de maio e a posterior autorización a Vox de caravanas idénticas constitúe un acto de prevaricación.

cut

O sindicato CUT presentou unha querela criminal no Tribunal Supremo polo delito de prevaricación contra o Ministro do Interior, Grande Marlaska e a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Larriba García.

O sindicato dá este paso na acción penal por considerar que as autoridades quereladas prohibiron a súa caravana de manifestación do 1 de maio e, “nas mesmas condicións e baixo o mesmo estado de alarma, autorizou as caravanas en territorio das elites homófobas, racistas e xenófobas organizadas en VOX”.

Indica o sindicato que a súa caravana “prohibiuse baixo o exclusivo argumento de que o artigo 7 do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma impide desprazarse en vehículo para manifestarse”.

Porén, prosegue, ese impedimento aducido por Interior “segue vixente no momento en que se autorizaron os desprazamentos para as manifestacións do pasado sábado 23 de maio.”

O sindicato considera que este comportamento administrativo responde “aos intereses electorais do Goberno de coalición”.

Así, afirma, “esta discriminación arbitraria por motivos ideolóxicos e electorais non resulta en absoluto comprensíbel en dereito”.

A CUT solicítalle ao Tribunal Supremo polo carácter de aforado de Grande Marlaska que determine se esa discrecionalidade e desviación de poder da administración pode constituir un delito de prevaricación ou de deliberado impedimento do exercicio de dereitos fundamentais, así como que estableza se a autoría de tal decisión é do Ministerio do Interior ou da Subdelegación do Goberno.


 

Comentarios