CUT denuncia que a demora do Constitucional en resolver o seu recurso “alenta a ultradereita”

O sindicato rexistrou escrito instando o Tribunal a resolver con carácter urxente o seu recurso de súplica contra o Auto que confirmou a prohibición da súa manifestación, denunciando que se está xerando un clima de inseguridade xurídica grave.

cut
photo_camera cut

A Sala Primeira do Tribunal Constitucional ditou en 30 de abril un auto confirmando a prohibición da manifestación do 1 de maio convocado pola CUT nas rúas de Vigo polo Día Internacional da Clase Obreira. Dous días despois, a Central Unitaria de Traballadoras presentaba un recurso de súplica contra a resolución do Tribunal, solicitando a reconsideración do fallo debido ·a diversos e graves defectos formais que desampararon a súa solicitude e pedindo que o asunto se someta ao Pleno do organismo ante a pública e notoria división do Tribunal”.

CUT lamenta que malia que o artigo 97 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional establece un prazo brevísimo para resolver tal recurso (“con tan só tres días de traslado ás outras partes para que presenten alegacións e dous días máis para resolver de maneira definitiva”), o Tribunal leva “dúas semanas demorando a súa admisión a trámite, evadindo dar conta de dito recurso á Fiscalía e á Avogacía do Estado para que emitan os seus informes sobre el”.

Isto, denuncian, retrasará máis aínda a resolución definitiva sobre o recurso e, polo tanto, a posibilidade da CUT de acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, decisión que xa foi anunciada.

Para a CUT a relevancia social da controversia que se somete ao Tribunal é clara e non cabe que se perpetúe o seu silencio, “xa que tal actitude de dilación só provoca maiores doses de inseguridade xurídica e deixa ás traballadoras orfas de amparo por parte da xurisdición constitucional”.

“As consecuencias desa inseguridade xurídica comezan a sentirse nas rúas, nas que o espazo da ultradereita, inimiga histórica dos dereitos civís e políticos, está a utilizar de maneira oportunista e electoralista este debate, creando un desafío serio e real para a saúde pública, alentando tumultos irresponsables no contexto da COVID-19”.

Comentarios