A CUT demanda a CRTVG por “vulnerar o dereito á liberdade sindical “

Afirma que a dirección dos medios públicos reduciu unilateralmente o crédito horario vixente na empresa para, segundo denuncia o sindicato, “represalialo e silencialo”.

Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG (arquivo).

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) rexistrou no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza unha demanda de conflito colectivo por tutela de dereitos fundamentais contra a Corporación de Radio Televisión de Galiza.

O sindicato considera que a redución que vén de aplicar a dirección de recursos humanos do sistema de crédito sindical vixente na empresa desde o ano 2015 lesiona o dereito á liberdade sindical da CUT, polo que debe declararse nulo, “ao tratarse dunha limitación que opera unicamente como represalia para silenciar a actividade despregada por esta central que ostenta desde o ano 2011 a representación maioritaria dos traballadores e traballadoras da radiotelevisión pública do país”.

A CUT denuncia que o novo sistema imposto pola dirección da mercantil reduce o crédito sindical proporcional, derivado dos resultados das eleccións sindicais celebradas en xuño de 2019, para incrementar o crédito outorgado como liberalidade empresarial de maneira lineal a todas as centrais sindicais, provocando unha perda do crédito horario da CUT da case o 30% (2.200 horas anuais), cando o resto dos sindicatos perden algo menos dun 3% (110 horas/ano) e mesmo hai un que gaña (440 horas/ano).

Segundo a central, este novo reparto desatende o principio de proporcionalidade e representatividade, esvacía de crédito horario xustamente os órganos representativos onde a CUT ten maior número de membros e separa o reparto de crédito adicional da representatividade electoral para sobredotar aos sindicatos con menor apoio do cadro de persoal, “nunha manobra antisindical que prexudica unicamente á CUT”.

Para o sindicato, esta “decisión arbitraria, inadecuada, irrazonable e afastada do principio de proporcionalidade” supón un “procedemento torticeiro para expropiar a capacidade de acción da súa sección sindical na CRTVG”, que busca ademais, “de xeito perverso, concitar o acordo do resto dos sindicatos a través de premialos ou sobrerepresentalos”.

Na demanda, o sindicato solicita que se declare nula de pleno dereito esta actuación empresarial, á que se adheriron o resto dos sindicatos presentes na CRTVG, e que se condene á empresa ao pagamento de 100.000 euros polos danos e prexuízos ocasionados.

Comentarios