A CUT acode ao Constitucional tras resolver o TSXG na súa contra

O alto tribunal galego considera que priman os criterios de saúde pública fronte a intención de manifestarse en coches no 1º de maio do sindicato, que considera que a sentenza "valida a idea paralegal de que o estado de alarma amordaza os dereitos sindicais".

cut
photo_camera Imaxe dunha manifestación da CUT en Compostela (cutgaliza.org)

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou nesta terza feira, 28 de abril, o recurso interposto pola Central Unitaria de Traballadores (CUT) contra a resolución de 21 de abril da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, denegando a organización dunha manifestación o próximo 1 de maio.

O sindicato solicitara autorización para desenvolver a marcha en Vigo a bordo de coches particulares, cunha persoa por vehículo, comezando na praza de España finalizando finalizaría no Arenal, diante do edificio da Xunta. En consecuencia, o tribunal mantén a prohibición acordada. Ademais, impuxo o pago das costas procesais.

Para a CUT, a sentenza con data de 29 de abril "valida a idea paralegal de que o estado de alarma amordaza os dereitos sindicais" e é por iso que presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional. "A CUT ten denunciado de maneira reiterada que os Poderes Públicos están a agochar baixo a declaración do estado de alarma un auténtico estado de excepción", afirma o sindicato nun comunicado.

Amparo da Constitución española

"Só o estado de excepción pode de maneira motivada suspender os dereitos de mobilización e a liberdade sindical, tal e como indica a propia Constitución española e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional", sinala a CUT, que considera que todas estas normas estanse a converter agora en "auténtico papel mollado".

É por iso que no recurso ante o Tribunal Constitucional, a CUT argumenta que para o TSXG "prodúcese unha permanente confusión entre os dereitos de libre circulación e o dereito de manifestación, configurando o primeiro como suposto habilitador do segundo".

Cre a CUT que "esta incorrecta interpretación levaríanos ao absurdo de que sendo a limitación da circulación unha das medidas propias do estado de alarma, e sendo tal liberdade presuposto do dereito de manifestación, a convicción constitucional de que o estado de alarma non pode suspender tal dereito sería unha mera declaración de intencións, en canto tal suspensión sería consecuencia lóxica e inevitábel".

"Decisión política, non xudicial"

O secretario xeral do sindicato, Ricardo Castro, manifestou ao respecto que "o TSXG vai máis ala do tolerábel presupoñendo que unha manifestación en coches cunha persoa por vehículo implica un risco para a saúde, sen embargo é público e notorio que o Goberno recomenda este método para os desprazamentos ao traballo sen que se entenda que aí existe risco ningún".

Castro engadiu que "o problema non é a caravana, senón quen a convoca e os motivos da mesma", e que "estamos ante unha decisión política e non xudicial". Neste sentido, a CUT agarda que o Tribunal Constitucional "cumpra co seu papel" e emita unha resolución nas próximas horas que autorice definitivamente a manifestación.

Comentarios