Cunícola, máis un sector en crise

Embora Galiza representar o 15% da produción de coello do Estado español, por baixo tan só de Catalunya, este sector é un dos grandes descoñecidos. Desde as explotacións encetan mobilizacións contra a crise de prezos e o esquecemento da administración.

Coellos
photo_camera [Imaxe de arquivo]

Suman 234 granxas no noso país. Oitenta e catro menos que no 2009, segundo o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras elaborado polo Ministerio español de Agricultura. A razón desta caída débese, apuntan fontes do sector, á "precariedade económica" na que se atopa a produción. 

Este sector produtivo galego, descoñecido para moitas persoas, exixen que a Consellaría de Medio Rural que bote man e promova "axudas directas" que garantan a "supervivencia" das explotacións. 

Galiza é o territorio no que se percibe un menor importe na venda dos coellos, porén, no que se paga un maior prezo polos pensos. Isto é, fronte a uns custes de produción situados en 1,85€/kg. o prezo en orixe está por baixo do euro e medio. Unha situación que as granxas atribúen á "banalización da carne de coello nos lineais" das grandes distribuidoras que financia "coas perdas dos produtores a súa estratexia comercial"; ao "desequilibrio no poder negociador" entre os distintos elos da cadea de valor, a "atomización" das explotacións e a "ausencia de contratos nas relacións entre suministradores e receptores". 

Os custes de produción das explotacións sitúanse en 1,85 euros/kg. mentres que o prezo en orixe se sitúa en 1,49€. 

Neste senso, urxen mudar o proceso de fixación de prezos para que este se constrúa "de abaixo arriba" en función dos criterios de rendibilidade das propias explotacións. "Se non se atalla a tempo o problema do sector cunícola e se adoptan medidas" isto, advirten, "pode rematar nunha catástrofe para moitas explotacións do noso país". 

Medidas urxentes e a longo prazo

Así pois, esta terza feira (24 de novembro) sairán ás rúas e concentraranse perante os edificios administrativos da Xunta de Galiza en San Caetano (Compostela) para reclamar medidas a "curto, medio e longo prazo" por parte de Medio Rural. Entre elas, o estabelecemento de "axudas directas" através dos programas de desenvolvemento rural, "financiamento e refinanciamento" das débedas, así como "moratorias" para aquelas granxas que teñan dificultades de pagamento. 

"Estabelecemento de contratos entre produtores e matadeiros" nos que se regulen as relacións de "compra-venda" entre ambos os dous elos; a fixación dunha maior "transparencia" na fixación dos prezos en orixe que teñen lugar nas lonxas de Madrid e Barcelona, para alén do control ás distribuidoras á fin de combater a "banalización" da carne de coello nos puntos de venda. 

Así mesmo, exixen a aposta nas "carnes diferenciadas" e os "mercados de proximidade como nichos de mercado que permitan revalorizar o produto". 

Comentarios