Crónica dun accidente anunciado: falece un operario nos traballos de ampliación da ponte de Rande

N.G.C, de 54 anos, precipitouse desde 5 metros de altura. CIG protestara hai dúas semanas nesa obra para denunciar as condicións laborais dos traballadores.

cig rande
photo_camera Protesto da CIG nas obras de Rande

N.G.C, de 54 anos e natural de Canarias, faleceu esta cuarta feira, 5 de xullo, candoe staba a traballar nas obras de ampliación  da autoestrada AP-9 na Ponte de Rande após precipitarse desde unha altura de 5 metros. Até o lugar desprazáronse efectivos de emerxencias e sanitarios, mais nada se puido facer pola vida deste operario que traballaba para unha subcontrata.

Hai apenas dúas semanas, a CIG desenvolveu unha actuación en Rande para chamar a atención sobre as condicións laborais “de explotación” que se dan nesta obra, e que xa foron denunciadas no parlamento de Galiza. O sindicato advertía do perigo para a integridade física dos operarios que supoñían as xornadas laborais de até 12 horas, en moitos casos a unha altura de 60 metros e a pleno sol. “Aínda que se cumprisen todas as medidas de seguridade, que tampouco é o caso, os excesos de xornada provocan fatiga e cansanzo que en moitas ocasións están detrás dos acidentes laborais, neste caso con consecuencias fatais”, censura Xoán Xosé Melón, secretario nacional da CIG-Construción.

Para Melón, o acontecido nesta cuarta feira é “a crónica dun accidente anunciado” xa que, segundo denuncia, “dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave como o que tivo lugar”. De feito, segundo relatan os compañeiros do falecido, o mes pasado tivo lugar outro accidente laboral nas obras, aínda que nesta ocasión foi de menos gravidade. Con todo, un operario perdeu varias falanxes dunha man.

Comentarios