Entrevistamos o sociólogo Ricardo Antunes

«A crise estrutural do capitalismo cuestiona o futuro da humanidade»

Ricardo Antunes, sociólogo brasileiro, visita Galiza convidado pola CIG para presentar a súa última obra titulada O privilégio da servidão. O Novo Proletariado de Serviços na Era Digital, un traballo no que explica a relación entre as novas formas laborais que aproveita o sistema capitalista para obter máis beneficios a través dun sector servizos cada vez con máis presenza na nosa sociedade.

Ricardo Antunes entrevistado por Sermos Galiza (Arxina)
photo_camera Ricardo Antunes entrevistado por Sermos Galiza (Arxina)

A fala de Ricardo Antunes é didáctica e directa. Atende as preguntas acompañado dunhas cantas follas de papel que lle serven para deseñar esquemas que estruturan un discurso que concibe indispensábel para entender unha realidade tan complexa como é a do sistema laboral do mundo actual. Do mesmo xeito deixa na mesa titulares en positivo malia o futuro que enmarca nunha crise global de moi difícil solución.

Vostede fala na súa obra Adeus ao trabalho da terciarización sen límites, de que a clase traballadora fórmana os escravos do século XXI. Confirmouse esta idea estes últimos anos?

Publiquei Adeus ao trabalho no Brasil en 1995. Respondía ás teses eurocéntricas da fin do traballo onde se falaba que a técnica sería a dominante. Algúns, como Manuel Castells, facían apoloxía desa tecnoloxía. Mostraba nese libro que a tendencia de terciarización, informalidade e precariedade en Europa, daquela unha excepción, tenderían a ser a regra. E a regra do traballo regulamentado, con dereitos tendería a unha menor dimensión. Acho que esa tese se confirmou.O sociólogo Ricardo Antunes entrevistado por Sermos Galiza (Arxina)

Agora co meu libro O privilégio da servidão: O novo proletariado de serviço na era digital tento mostrar como coa enorme explosión dos servizos e a súa privatización o capital descubriu que estes poderían ser rendíbeis e lucrativos. Foi cun movemento moi complexo.

Non hai ningún país do mundo no que a economía non estea baixo control do capital financeiro

Non hai ningún país do mundo no que a economía non estea baixo control do capital financeiro. E o capital financeiro impón un neoliberalismo moi duro. Ao mesmo tempo, xunto con iso, nós temos un proceso de reestruturación produtiva do capital que é permanente. O capital non para de se desenvolver de modo tecnolóxico e científico. Desde a era dos computadores, das chamadas mutacións microelectrónicas dos anos 70, o capital non para. A tecnoloxía está ao servizo das grande corporacións. Nese novo deseño o traballo con dereitos non interesa. O capital financeiro precisa de liberdade plena para producir e reducir custos. Non ten un coágulo de humanidade. O traballo é considerado custo.

O máis espectacular para o capitalismo de finais do século XX cara ao século XXI foi a conversión dos servizos nun sector amplamente capitalista. Non é difícil imaxinar que na Galiza os servizos públicos hoxe son menores que vinte e cinco anos atrás. Privatizouse moito o sector público e a nivel mundial igual. Como consecuencia a traballadora ou traballador asalariado do sector público ou o do sector de servizos pasou a ser comandado pola lóxica capitalista. O capital di que non che vai dar seguro, saúde, xornada de oito horas... di que traballarás cando teña traballo e tes que estar dispoñíbel sempre.

Non é difícil imaxinar que na Galiza os servizos públicos hoxe son menores que vinte e cinco anos atrás

Como hai moito sobrante de traballo e clase traballadora desempregada ou con traballos precarios en varias partes do mundo, os capitais flexibilizaron de tal modo que a empresa moderna sexa na industria, na agricultura ou nos servizos, volveuse flexíbel. A lexislación do traballo favoréce.

Que papel xogou a crise de 2008 nesta situación?

Decisivo. A crise de 2008 en canto expresión dunha crise estrutural do capital non é unha crise da redución da taxa de lucro. Estamos vivindo un momento da historia da humanidade moito máis complexo. Vivimos unha crise estrutural do capital onde a destrución de forza de traballo sucédelle a millóns, non a milleiros. Súmaselle a destrución da natureza con traxedias medioambientais en todas as partes do mundo onde as grandes empresas multinacionais fan a súa exploración violenta. A crise estrutural do capitalismo cuestiona o futuro da humanidade.

En relación ao traballo os capitais din agora que se acabou a conciliación, agora toca a devastación do traballo mundial

A crise de 2008 non foi autónoma, tivo a súa orixe en 1973 cando o grande ciclo de expansión do capitalismo chegou ao seu punto máis alto e iniciou o proceso de descenso. O importante da crise de 2008 é que o corazón da crise foi o capitalismo avanzado, bateu nos EUA, Europa e Xapón.

Como consecuencia desa crise xurdiu o que eu chamo a 'Era das rebelións' que aconteceu en zonas tan distantes como EUA ou o mundo árabe. Esta explosión de revoltas mundiais non se converteu nunha 'Era de revolucións'. Non houbo unha conversión de rebelións a revolucións. Os capitais conseguiron estancar as rebelións, derrotalas, e abriuse a partir de 2015 unha 'Era de contrarrevolución mundial'. A vitoria de Trump nos EUA é unha mostra disto, Orbán en Hungría, Duterte nas Filipinas ou Salvini até onte na Italia.Ricardo Antunes entrevistado por Sermos Galiza na sede nacional da CIG (Arxina)

En relación ao traballo os capitais din agora que acabou a conciliación, agora toca a devastación do traballo mundial. Acabar co público, coa lexislación protectora do traballo. Que haxa liberdade para que os capitais se movan, privatizar todo o que interesa aos capitais.

Que método de defensa ten a clase traballadora diante deste panorama?

O primeiro desafío é que esta 'Era de contrarrevolución' tamén é finita. A destrución é tal, vémolo estes días en América Latina ou mesmo en Barcelona, nun mundo tenso. Martin Wolf escribiu no Financial Times que o capitalismo nos levou a un burato tan grande que non vai ser fácil saír del sen transformacións profundas.

Cales serían esas transformacións? Ese novo proletariado de servizos que non para de moverse do sector público ao privado ten que defenderse. No século XIX para o XX os sindicatos tiveron que deixar de ser sindicatos artesanais para seren de grandes empresas. Non foi fácil mais conseguiuse. No século XX os sindicatos foron de masas e no século XXI os sindicatos teñen que entender a nova morfoloxía do traballo. Quen é esa clase traballadora actual? Masculina, feminina, indíxena, LGBT, moza ou menos moza e cales son as súas cuestións vitais.

A clase traballadora sempre inventou a súas respostas para as súas situacións

No século XX os sindicatos aprenderon a seren de categorías (metalúrxica, ensino) con máis ou menos regulamentación do traballo conseguiron dereitos, cando a terciarización era marxinal. Hoxe o mundo está invertido. Como represento a unha traballadora das plataformas dixitais ou da industria hostaleira? Como a quen estea en Uber ou traballe para Amazon? A clase traballadora sempre inventou a súas respostas para as súas situacións, só que estas non son milagrosas.

Apréndese coas loitas. Por exemplo en maio deste ano houbo a primeira tentativa de folga mundial de Uber. Non chegou a ser mundial mais eu non coñezo ningunha folga desde sempre na que a primeira fora a máis importante. Ao mesmo tempo que o traballador de Uber é individualizado, separado un do outro e controlado por plataformas e por algoritmos, empregou a mesma plataforma para convocar a folga. É unha forma de loita. Hai un ano o responsábel e Uber humillou un traballador que gravou e compartiu nas redes sociais e caeu. Son formas de loita que están a nacer.

O desafío fundamental dos sindicatos é que comprendan cal é esta nova clase traballadora

O desafío fundamental dos sindicatos é que comprendan cal é esta nova clase traballadora que os obrigará a contar con novas prácticas sindicais. Penso que os sindicatos de clase teñen que retomar as cuestións vitais. É importante loitar polo aumento salarial mais hoxe teñen que falar da sociedade que queremos. Rematouse a 'Era da conciliación', o capital xa non quere máis conciliación nesta 'Era de contrarrevolución'. Temos que procurar novas formas de representación de acción e loita da clase traballadora. Estamos entrando nun modo de vida imposíbel que tentan ter controlado pola violencia. Acontece aquí na Galiza que até unha traballadora ou traballador pode ser detido por facer folga. Volvemos ao século XVIII? Normalizouse a represión? Vémolo en Chile, Bolivia ...

A violencia é a resposta que ten o capital tamén contra os Gobernos de esquerda?

Os Gobernos de esquerda en América latina foron moi moderados. Lula non caeu pola súa actuación, caeu porque a crise que comezou en 2013 obrigou o Goberno do Partido dos Trabalhadores (PT) a facer mudanzas neoliberais radicais e o Goberno non podía facer iso.

No caso de Chile a poboación cansou do neoliberalismo. Chegará a hora en que a poboación europea tamén canse. Aquí terán o seu papel os inmigrantes. En Italia xa teñen o seu sindicato.

Comentarios