sábado 31/10/20

A Covid-19 cébase co emprego xuvenil

O informe de conxuntura económica do Foro Económico da Galiza alerta do impacto da crise nos colectivos máis vulnerábeis.
Non só a Covid-19, senón tamén a crise industrial, obrigan moita xente nova a emigrar para poder ter un futuro laboral (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Non só a Covid-19, senón tamén a crise industrial, obrigan moita xente nova a emigrar para poder ter un futuro laboral (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O terceiro informe de conxuntura de 2020 presentado esta terza feira polo Foro Económico da Galiza confirma que a nova vaga de contaxios pola Covid-19, as novas restricións e a paralización de determinadas actividades, está a pasar factura á economía galega, que non está a sufrir tanto como a do Estado español, pero que, ao igual que aconteceu en crises anteriores, terá unha recuperación máis lenta que o resto de territorios, segundo as persoas expertas desta institución.

Con todo, un dos datos que máis preocupa é o impacto que esta crise está a ter no mercado laboral. Como destaca o informe, o axuste do emprego afectou en maior medida aos colectivos máis vulnerábeis, como as asalariadas temporais (-19,6%), as persoas con contratos a tempo parcial (-12,3%), pero especialmente á xente nova. Así, 21,2% das persoas entre 16 e 24 anos quedaron sen emprego por mor da crise, unha porcentaxe que ascende a 22,8% aos que posúen menor nivel educativo, sen estudos secundarios.

Ao remate do segundo semestre, 1.050.400 persoas estaban ocupadas na Galiza, 4,4% menos que no ano anterior. Desa cantidade, 120.500 persoas atopábanse afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), 11,5% do total. No conxunto do Estado español o descenso na ocupación foi de 6% e a porcentaxe de persoas en ERTE de 18%.

Horas traballadas

Atendendo ao número de horas efectivamente traballadas, que reflicten de forma máis eficaz a magnitude do axuste, na Galiza reduciuse 25,9% o número medio de horas traballadas. A hostalaría foi a que sufriu a maior caída, con 26,7 horas efectivas traballadas menos entre o segundo trimestre de 2020 e a mesma data do ano anterior, o que supón un descenso de 70,3%. Por detrás estarían as vendas e reparación de vehículos de motor e motocicletas, cunha redución de 15,7 horas, e o comercio (agás vehículos de motor e motocicletas), con 13,8 horas menos. Outros dous subsectores con descensos superiores ás 13 horas son a industria téxtil e a da madeira, papel e móbeis, cunha caída na contorna das 13,5 horas (máis de 37%).

Como destaca o Foro no seu informe, o comercio, o transporte e a hostalaría son as actividades que presentaron un maior descenso no seu valor engadido bruto (VEB) ao peso da economía galega, seis puntos respecto de 23,7% que representaba no cuarto trimestre de 2019, antes de que os efectos da Covid-19 se deixasen notar. 

A industria manufactureira tamén rebaixou o seu peso relativo (13,1% no cuarto trimestre de 2019 e 11,4% no segundo de 2020), namentres o da construción se mantivo relativamente estábel (7,7% e 7,4%, respectivamente). Por contra, aumenta en máis de catro puntos porcentuais a importancia relativa da Administración pública, sanidade e educación, que supuña  18,9% no último trimestre do pasado ano, mentres que o sector primario presenta un incremento dun punto porcentual, até 6,1%.

Difícil remontada

Precisamente, o peso da industria alimentaria, sumado ao mellor comportamento do sector exterior e a menor dependencia das actividades máis afectadas polas restriccións de mobilidade, como poden ser o transporte e o turismo, fan que Galiza estea a presentar un mellor comportamento na evolución económica que o resto do Estado español.

Así, o impacto da crise sanitaria provocou unha caída do PIB de 3,6% no primeiro trimestre do ano, seis décimas menos que no conxunto do Estado español, en tanto que no segundo trimestre, a contracción da actividade económica foi de 17,9% na Galiza fronte 21,5% en España. A análise da evolución do PIB en termos intertrimestrais reflicte que o impacto da Covid-19 na actividade económica no primeiro semestre do ano é menos negativa na Galiza, con caídas de 4,9% no primeiro trimestre do ano en relación ao trimestre anterior e de 14,5% no segundo.

Con todo, o impacto da crise económica actual está a ser significativamente superior ao da de 2008, apuntan desde o Foro, que incide no feito de que a Galiza, que tamén sufrira menos que o Estado español os envites na súa economía durante esa crise, tardou máis en recuperarse. Concretamente, Galiza alcanzou o nivel precrise no primeiro trimestre de 2018, dez anos máis tarde do inicio da mesma, en tanto que a economía española o logrou no cuarto trimestre de 2016, case nove anos máis tarde (35 trimestres), algo que desde o Foro Económico da Galiza non desbotan que poida volver acontecer no actual escenario de crise marcado pola Covid-19.

comentarios