A Coruña defende o mantemento de Alcoa

Milleiros de persoas, 10 mil segundo o comité de empresa, marcharon pola cidade en defensa dos postos de traballo da planta.

Aluminios Coruña
photo_camera [Imaxe @AluminiosCoruna]

Os traballadores e traballadoras de Alcoa recibiron esta sexta feira (12 de decembro) o caloroso apoio social na loita en defensa dos seus postos de traballo. Nen a choiva que caeu na cidade da Coruña freou a imparábel marcha d@s operari@s e de millentas persoas que @s quixeron acompañar nesta xornada de mobilización que comezaba a primeira hora da mañá ás portas da planta. 

Arroupad@s tamén por empregad@s da factoría de Avilés e inundando de berros contra o fechamento de Alcoa exixiron solucións ao goberno español a quen apuntan como responsábel do ERE presentado pola dirección da empresa. "Soria, cobarde, Coruña está que arde", corearon ao seu paso mentres puñan cor á mobilización cunhas bengalas. 

En declaracións aos medios de comunicación o presidente do comité de empresa, Nazario Arias asegurou que a vontade do cadro de persoal é "ter un Nadal tranquilo" polo que demandou "solución" ao conflito laboral orixinado en Alcoa. 

Desde Madrid, o ministro de Industria asegurou após o Consello de Ministros que a orixe do problema non reside no mecanismo de interrumpibilidade como argüe a dirección da planta mais o cruce de acusacións entre Alcoa e o executivo está a piques de deixar na rúa a centos de operari@s da Coruña e Avilés. 

Na mobilización tamén estiveron presentes representantes das forzas políticas na oposición como o nacionalista Francisco Jorquera, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro ou a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz. 

Comentarios