Convocan folga na planta de tratamento e recollida de lixo de Lousame para demandar suplemento de tóxicos

O comité de empresa sinala que é o único centro que non conta con suplemento salarial que si teñen en Sogama e Albada.

Comite Lousame (CIG)
photo_camera Comite Lousame (CIG)

A planta de tratamento e recollida de lixo de Lousame rexistrará unha xornada de folga o día 7 de decembro para exixir que se cumpra o convenio estatal e contar co suplemento de tóxicos de 25% que teñen todas as traballadoras e traballadores no sector do lixo.

Segundo explica Paulo Rubido, representante de CIG, no mes de abril o comité de empresa xa advertira de que estarían dispostos á folga para “corrixir as diferenzas que existen nesta planta respecto das outras plantas de tratamento de lixo de Galiza”.

O representante da CIG salientou ademais que na planta de Lousame “existe un contacto máis directo co lixo, dado que a separación faise manualmente”. Este é un dos motivos polo que “é a que ten mellor resultado do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa”.

Salario inferior a outras plantas

Paulo Rubido explica que as traballadoras e traballadores en Lousame cobran até case un 45% menos que o persoal que desenvolva o mesmo traballo, na mesma categoría, nas instalacións de Sogama, en Cerceda; ou que cobre un 16-17% menos que unha traballadora ou traballador da de Albada, na Coruña.

A vontade do persoal é, xa que logo, asinar un convenio colectivo do que xa levan un ano de retardo, e que ese convenio cumpra os obxectivos marcados polos sindicatos CIG, CCOO e UXT e traballadoras e traballadores na plataforma de negociación.

A convocatoria de folga afectará á recollida de lixo dos concellos da mancomunidade e adheridos, un total de nove, entre os que están Noia, Muros, Carnota, Porto do Son, Ames, Rois, Brión, Lousame e Pontecesures.

Comentarios