O comité de empresa da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e en Mos, vén de convocar seis xornadas de folga para reclamar a implicación da Xunta da Galiza na problemática da empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte do persoal en expediente de regulación de emprego (ERTE).
Desde a representación das traballadoras e traballadores demandan un proxecto industrial que garanta a actividade na compañía e permita o mantemento de todos os postos de traballo. Exixen nun comunicado que a Administración galega actúe e ao grupo romanés Scandia Food, propietario na actualidade da empresa, que permita "que sexa a Xunta a que negocie directamente cos posíbeis investidores interesados na adquisición da empresa”.
Denuncian boicot no proceso de venda
A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil, Telecomunicacións e Actividades Afíns da CIG do Salnés denuncia que o grupo romanés está a boicotear o proceso de venda co obxectivo de que a conserveira vaia á liquidación e lembran que Scandia se comprometera coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que non se materializasen as conversas que mantiñan cunha conserveira interesada en mercar Thenaisie.
Os contactos entre Administración e investidora, á fin, non tiveron lugar, e por este motivo o comité de empresa acordou convocar seis xornadas de folga para os días 15, 16 e 17 e 22, 23 e 24 de setembro. Coincidindo cos paros o persoal concentrarase diante dos centros de traballo do Grove (5 horas) e Mos (6.30 horas).