Convocada folga indefinida no Consorcio de Bombeiros de Lugo

O colectivo denuncia "condicións de precariedade". 
Carga policial contra os bombeiros hai unha semana en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Carga policial contra os bombeiros hai unha semana en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os sindicatos CIG, UXT, CCOO, CSIF e Sibgal convocaron esta terza feira folga indefinida no Consorcio de Bombeiros de Lugo a partir do 9 de xuño, para denunciar as "condicións de precariedade" nas que traballa este colectivo.

O comité de folga explicou nun comunicado que esta medida de protesta "chega tras unha suma de incidencias que puxeron especialmente en evidencia o déficit, tanto de material como de persoal, co que está a traballar este colectivo".

Así, desde CSIF advertiron de que esta situación non só prexudica ao propio persoal, "senón tamén á cidadanía", porque "precariza o servizo que presta".

Os sindicatos convocantes trasladaron que "debido á situación de estancamento na negociación do convenio propio, e ante a imposibilidade de resolver a situación de maneira negociada", os representantes do persoal, tras unha asemblea celebrada durante a fin de semana na que houbo unanimidade, anunciaron a convocatoria da folga.

As centrais sindicais lamentaron a "pasividade da Administración" (os consorcios de bombeiros están xestionados pola Xunta da Galiza) a pesar das medidas de presión levadas a cabo, como a manifestación de hai dúas semanas en Lugo, e advertiron de que "urxe a adopción de medidas que dean unha pronta solución ao déficit de medios materiais e humanos".

Comentarios