Nove de cada dez contratos asinados en 2021 na Galiza foron temporais

Os contratos temporais medran 21,6% na Galiza, por riba da media estatal.
Imaxe de arquivo dunha traballadora dun local comercial (Foto: Marta Fernández/Europa Press).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha traballadora dun local comercial (Foto: Marta Fernández/Europa Press).

A empresa de recursos humanos Randstad vén de facer público o seu estudo sobre a contratación temporal, "a principal fonte de emprego" do mercado laboral español, a partir dos datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Deste modo, revela que en 2021 os contratos temporais aumentaron en 21,6%, un incremento 1,6 puntos superior á media estatal, de 20%.

Na Galiza asináronse ao longo do pasado ano 827.641 contratos de duración determinada, fronte aos 680.413 do ano anterior. Este dato supón que un de cada vinte contratos temporais a nivel estatal —4,8%— foron asinados en territorio galego.

A repunta da temporalidade lidérana Balears (+43%), Madrid (+29,6%) e Cantabria (+29,4%), mentres no extremo oposto fican Murcia (+11,5%), Estremadura (+13,1%) e Andalucía (+14%).

Segundo os datos do SEPE, os temporais supuxeron nove de cada dez —90,14%— contratos asinados na Galiza en 2021, xa que apenas se rexistraron 90.573 novos contratos indefinidos.

Este dato é lixeiramente superior ao do conxunto do Estado, onde a temporalidade protagoniza 89,1% dos contratos asinados o pasado ano.

O estudo de Randstad sostén, aliás, que os niveis máis elevados de contratación temporal se rexistraron "na recta final de 2021". En decembro o volume contraíuse, "afectado polo inicio da vaga que sufrimos actualmente".

Comentarios