A contratación privada de servizos públicos supera os 221 millóns na Galiza

O peso que ten a contratación pública nas diferentes Administracións que se atopan na Galiza segue a ser moi importante. Un informe presentado por Comisións Obreiras sinala que supera os 221 millóns de euros cunha incidencia superior das entidades locais, que adxudican un 82% deses contratos. Pola contra, a reposición de prazas nos cadros de persoal segue a estar en mínimos.
Operarios traballando na reparación dunha rúa de Ourense (Concello de Ourense).
photo_camera Operarios traballando na reparación dunha rúa de Ourense (Foto: Concello de Ourense).

Os datos presentados onte pola Federación de Construción e Servizos de Comisións Obreiras (CCOO) a través do Observatorio sectorial da contratación pública sinalan a importante presenza de empresas privadas no mantemento dos servizos públicos. Segundo o secretario de Acción Sindical da federación estatal, Daniel Barragán, "Galiza é, despois de Andalucía e Catalunya, a que maior número de contratos adxudicou en 2020, un total de 1.058, por un importe superior aos 221 millóns de euros". 

As entidades locais por adxudicar 82% to total, seguidos os contratos estatais (11%) e da Xunta e os seus organismos dependentes co 7% restante. Isto significa que catro de cada cinco procedementos e sete de cada 10 euros do orzamento de contratación foron xestionados polas entidades locais. 

A maior parte de contratos, para obras

As obras de construción, o mantemento e rehabilitación de edificios e infraestruturas e a subministración de materiais para a realización dos mesmos supoñen un importante 80,1% do total de contratos do ano 2020. Séguenlle as actividades de limpeza, que supuxo un 7,5% do total, a contratación de seguridade privada (2,7%), xardinaría (2,5%), obras en estradas (2,4%), servizos de axuda a domicilio (1,8%), recollida e xestión de residuos (1,3%), silvicultura (0,9%), servizos profesionais varios (0,8%) e teleasistencia domiciliaria (0,2%). 

Por contía económica, as obras levaron 144 millóns de euros (65%), a contratación de servizos de axuda ao fogar 42 millóns de euros (19%) e as actividades de limpeza de locais e edificios, ás que se dedicaron 13 millóns de euros (6%). 

Nas reducións aplicadas sobre as contías das licitacións, as obras de construción (17,6%) e as actividades de limpeza (17,1%) lideran as rebaixas, seguidas da xardinaría (15,4%). Do total de orzamento público non gastado, debido á minoración do prezo de licitación inicial, na adxudicación durante 2020 na Galiza (máis de 37 millóns de euros), a maior parte concéntrase nas actividades de obras de construción (72,7%) con 27,2 millóns de euros menos, axuda a domicilio (7,6%), con 2,8 millóns de euros menos, e limpeza (7,2%) con 2,7 millóns de euros menos. 

Por organismos públicos, o Estado español aplicou as menores reducións (13,5%). A Xunta da Galiza e os seus organismos dependentes, pola súa banda, lideran as baixadas de prezo en xeral (con 14,9% de media) e en particular, as das adxudicacións en obras en estradas con rebaixas no prezo de adxudicación do 20,1% e na contratación do servizo de axuda a domicilio (10%), que duplica as rebaixas de prezo das entidades locais (5,5%).

Menos persoal público

Xabier Picón, membro da CIG, considera que é contraditorio que as Administracións manteñan a taxa de reposición vixente dos seus cadros de persoal "cando se está movendo este volume de contratación pública", polo que recomenda que "se reforce o persoal público". 

Desde a central nacionalista consideran que, cando se realiza este tipo de contratacións, en realidade, "contratan man de obra", porque cando se concesionan servizos "estabelécese un canon polo que se fan cargo da adquisición de maquinaria e medios". Os gastos son maiores por ter, segundo explica Picón a Nós Diario, que "pagar o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) mais o beneficio empresarial, que é entre 8% e 13%".

José Luís Fernández Celis, de UXT, lembra a Nós Diario que a contratación pública das Administracións é "unha boa parte do Produto Interior Bruto galego" e sería moi importante que as Administracións "desen un bo exemplo coa calidade deses contratos en relación á saúde laboral, medio ambiente e igualdade". Así, propón unha mesa "onde as organizacións sindicais poidamos facer un seguimento para marcar un rumbo que impulse a súa calidade". 

Comentarios