Unha construtora de Poio "abandona" varios operarios galegos en Alemaña

Denúnciao a CIG, que sospeita que a empresa foi creada para lucrarse de modo fraudulento coa instalación de fibra.

traballo obreiro traballadores emprego

A federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncia que varios operarios galegos recentemente incorporados á construtora Camsoar SL, con sede na localidade de Poio, “foron abandonados pola súa empresa no rural alemán, a onde foran mobilizados desde Galiza a pasada semana co pretexto de ocuparse da construción da infraestrutura para a instalación de rede de fibra óptica en áreas rurais do sur xermano”.

Segundo explican dende a central nacionalista, nada máis comezar a viaxe os traballadores déronse conta de que algo ía mal, “pois nin sequera lles chegaron a asinar o contrato, nin lles abonaron o anticipo prometido de 400 euros por persoa para faceren fronte ao custo do desprazamento”.

Tras dous días de espera, prosegue a CIG, finalmente iniciaron a viaxe o 25 de novembro ás dúas e media da mañá, “con só 350 euros para afrontar os gastos do desprazamento dos operarios nunha furgoneta e un turismo, que só lles renderon apenas para chegar até Francia”.

Tras un segundo ingreso de 300 euros, lograron arribar a Alemaña, “onde descubriron que a vivenda prometida estaba en condicións impracticábeis, así como que os traballos consistirían en cavar con ferramentas precarias un mínimo de 100 metros de zanxa ao día”.

Nestas circunstancias, di a CIG, moitos dos traballadores decidiron abandonar o posto antes de sequera iniciar os traballos, “cando descubriron que a empresa se negaba a ocuparse do seu regreso a Galiza”. Desde entón “seguen esperando nunha zona illada do rural alemán novas da súa empresa ou ben das administracións, apoio que por agora foi nulo”. 

De feito, indica a CIG, nin sequera desde o consulado español se fixo nada por resolver a súa situación; “ao contrario, tentaron disuadilos de denunciar publicamente a súa problemática”.

Sospeitas de fraude

A FCM-CIG sinala que Camsoar foi creada hai só dous meses, “o que fai sospeitar que foi creada especificamente para tentar executar unha fraude nesta obra”. 

Comentarios