Construción, comercio e industria manufactureira lideran a destrución de emprego en Galiza desde 2009

Só tres ramas de actividade – hostelaría como líder- teñen agora máis emprego que daquela

A crise foi unha apisoadora que destruíu miles de empregos en Galiza. Aínda agora, cando levamos segundo as mensaxes de goberno galego, español e Bruxelas tres anos de ‘recuperación’, os postos de traballo que hai en Galiza son 103.500 menos que antes dela.

Segundo o estudio ‘Mercado laboral galego 2017’ que esta mesma semana presentou a CIG, construción, comercio e industria manufactureira lideran a destrución de emprego no noso país entre 2009 e agora.

Na construción pasouse dos 119.000 postos de traballo que había hai 9 anos aos 66.600 de agora. A burbulla estoupou e levou con ela máis de 52.000 empregos en Galiza. Unha cifra superior á de todos os habitantes do oitavo concello galego en poboación, Narón.

Na industria manufactureira hai agora 154.600 persoas ocupadas cando en 2009 era 172.200, ou sexa, 17.600 empregos máis. Peor aínda foi no comercio, onde a crise pasou como un vendaval e nestes anos (2009-2017) supuxo a perda de case 20.000 postos de traballo.

Os sectores primarios tamén padeceron laboralmente a recesión. En agricultura e gandeiría perdéronse en Galiza 16.200 postos de traballo, mentres que en pesca e acuicultura esa perda foi de 4.000.

A verdade, sinálase no estudo, é que poucas ramas de actividade recuperaron os niveis de emprego previos á crise, apenas 3: hostelaría, educación e sanidade e servizos sociais.

Comentarios