O Consello de Ministros aproba a nova Lei de Emprego que transformará o SEPE

Traballo impulsa tamén unha estratexia para as persoas autónomas
A vicepresidenta Yolanda Díaz. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta Yolanda Díaz. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Consello de Ministros aprobou onte a Lei de Emprego, que contempla, entre outras medidas, a transformación do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) na Axencia Española de Emprego para mellorar a súa xestión e funcionamento, sen custos para o erario público.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, anunciou na rolda de prensa posterior ao Consello desta terza feira que haberá un prazo de seis meses para executar esa transformación, que incluirá a dixitalización e a incorporación de novas metodoloxías.

Esta nova normativa, dixo a ministra, "cambia a mirada" e non se dirixirá unicamente aos demandantes de emprego, senón tamén a traballadores en activo que queiran mellorar nas empresas. Neste senso, onte xa avanzou unha liña de 300 millóns de euros para programas de formación a demanda para este colectivo laboral. 

Desde a parte do empregador, as empresas terán un catálogo de servizos garantidos para xestionar as ofertas de emprego presentadas aos servizos públicos de emprego. Así mesmo, explicou Díaz durante a rolda de prensa, poderán recibir información e asesoramento sobre as ofertas no ámbito da Unión Europea.

Emprego autónomo

No Consello de Ministros desta terza feira tamén se aprobou, a proposta do Ministerio de Traballo, a primeira Estratexia Nacional de Impulso do Traballo Autónomo 2022-2027, unha iniciativa que engloba as liñas políticas de actuación en materia de traballo autónomo que se van desenvolver no próximos cinco anos para dar un impulso ao sector.

Segundo destacou Díaz, o traballo autónomo fixa poboación ao territorio e xera desenvolvemento local, polo que precisa tamén duns servizos públicos e un determinado ecosistema social e económico. 

Medidas fronte á crise

Por outra parte, Unidas Podemos e o PSOE negocian aínda sobre as medidas a incluír na prórroga do decreto anticrise para facer fronte ao impacto na do conflito en Ucraína, que se aprobará nun Consello de Ministros extraordinario que decorrerá este sábado, 25 de xuño. 

Nel poderían incluírse medidas adicionais as xa aprobadas ─como o desconto de 20 céntimos nos combustíbeis─,  como as que suxería Unidas Podemos: elevar a taxa do Imposto sobre Sociedades en 10 puntos ás grandes empresas enerxéticas; un cheque de 300 euros para as persoas "máis golpeadas pola crise" ou  redución de 50% nos prezos transporte público.

Comentarios