ENCERRAMENTO NO HAC DE VIGO

"A conselleira e o xerente tiñan que ter demitido xa"

Persoal sanitario do Álvaro Cunqueiro inicou un encerramento para denunciar as deficiencias detectadas desde a abertura do hospital. O Colexio de Enfermaría de Pontevedra demandará o Sergas. 

HAC2
photo_camera [Imaxes CIG]

O protesto manterase as 24 horas do día até o 13 de outubro. Persoal das distintas áreas do Hospital Álvaro Cunqueiro inciou esta cuarta feira (30 de setembro) un encerramento continuado sumándose ao iniciado o día 28 de setembro pol@s celador@s da área sanitaria de Vigo. 

A acción, convocada pola Xunta de Persoal visa denunciar as deficiencias detectadas desde a abertura do novo hospital vigués e chega coa anuncio por parte do Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra da denuncia que presentará contra o Sergas polo "caos" que impera no Álvaro Cunqueiro. 

“Goberne quen goberne a sanidade non se vende”, “Queremos un hospital e non unha sucursal”, “Conselleira dimisión” ou “Álvaro Cunqueiro, hospital chafalleiro”, foron algunhas das consignas que se escoitaron esta mañá na entrada de consultas do HAC. Traballadores e traballadoras do complexo hospitalario denuncian que "este hospital é unha estafa". 

Ás carencias de persoal engádeselle a privatización dos servizos de cociña, lavandaría e mesmo de aparcadoiro. Porén, malia as continuas denuncias de pacientes e empregad@s o Servizo Galego de Saúde e o propio goberno da Xunta insiste en que o hospital funciona correctamente e defende que estamos perante "un dos mellores hospitais de Europa". 

"Hai que ter pouca vergoña", sinalou en declaracións aos medios de comunicación María Carbajo, representante do sindicato de enfermaría (SATSE) quen sinalou como principais causas dos problemas que atinxen o HAC o "un traslado superprecipitado" e o modelo de xestión privada do Álvaro Cunqueiro. "Tíñamos moita necesidade dun hospital acaído e o que nos deron é unha sucursal", subliñou. "A conselleira e o xerente tiñan que ter demitido xa", advertiu. 

Pola súa banda, Ángel Camellese, presidente da Xunta de Persoal asegurou que "non hai máis que problemas" coa redución de camas e quirófanos o que "está obrigando a suspender operacións". 

Enfermaría denunciará o Sergas

Perante esta situación, que foi testada in situ na área de Urxencias do HAC por representantes do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, este órgao decidiu interpor unha demanda contra o Sergas.

"É unha situación absolutamente caótica" 

"As enfermeiras teñen que facer ringleira diante dunha máquina expendedora para recoller os medicamentos, e algúns deles son de urxencia", explica ao tempo que denuncian a falta de protocolos para atender o servizo. "É unha situación absolutamente caótica", din, "hai historias clínicas sen pacientes e pacientes sen historia clínica, persoas que non atopan os seus familiares...". Cuestións, defenden que, "supoñen un grave risco para os doentes". 

Un contexto que atribúe o presidente do Colexio, Carlos Fernández, ás "présas do traslado". "Había dous servizos de Urxencias en dous hospitais que funcionaban bastante ben e, de súpeto, dun día para outro, quiráronas e unificáronas cando o máis lóxico tería sido fechar primeiro un, que os traballadores foran adaptándose ao cambio e logo chegasen os do outro, cando os primeiros estivesen máis rodados", sinala. "Agora chegan á quenda e non teñen nen idea de que facer e quéixanse ademais de que hai material gardado baixo chave por parte da concesionaria". 

Comentarios