A reforma do subsidio de desemprego apróbase sen ningún voto en contra

O decreto aprobado, entre outras medidas, contempla un aumento por tramos da contía do subsidio   O BNG celebrou os cambios mais pediu a derogación da reforma laboral.
Sánchez, Montero e Díaz, en primeira fila esta quinta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Sánchez, Montero e Díaz, en primeira fila esta quinta feira no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Congreso validou esta quinta feira o decreto que inclúe a reforma do subsidio por desemprego, sen ningún voto en contra e coas abstencións de PP, Vox e UPN, e aceptou tramitar a norma como proxecto de lei. Entre as súas principais medidas, o decreto contempla un aumento por tramos da contía do subsidio, de modo que pasaría de 480 a 570 euros ao mes durante o primeiros seis meses (80% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples actual); amplía o colectivo de persoas beneficiarias, e permitirá compatibilizar cun salario tanto o subsidio como a prestación contributiva de desemprego. Ao subsidio poderán acceder tamén persoas vítimas de violencia de xénero ou sexual desde os 16 anos, así como emigrantes retornados, menores de 45 anos sen cargas familiares e persoas traballadoras eventuais agrarias de todo o Estado. 

A norma, por outra parte, mantén en 125% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a base de cotización para os subsidios de maiores de 52 anos, fronte á rebaixa que introducía a primeira reforma.

Medida "necesaria"

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, encargouse de defender o decreto desde a tribuna, alegando que é unha norma que supón que, con efectos prácticos, "quen peor o pasa" cobre 90 euros máis ao mes, que ao seu xuízo supón a diferenza entre comer froita fresca e peixe ou non comelo”. 

Entre as formacións políticas que apoiaron o real decreto estivo o BNG, que celebrou os cambios introducidos polo Ministerio de Traballo, catalogando a medida como "positiva" mais lamentan que non vaia "máis alá". Neste sentido, a formación nacionalista volveu reclamar durante a sesión desta quinta feira a derogación completa da reforma laboral do Partido Popular. 

En contra da norma manifestouse o PP a través do deputado Ángel Ibáñez Hernando que a tachou de "inaceptábel", "infumábel" e un caso de 'dumping' laboral, pois considera que xerará conflitividade e inseguridade xurídica. 

Lei de Paridade

Tamén esta quinta feira, a Comisión de Igualdade do Congreso aprobou o ditame á Lei de Paridade, co apoio de todos os grupos menos PP e Vox. O ditame contempla varias emendas transaccionais, entre elas a presentada polo BNG para aplicar factores correctores que beneficien a investigadoras que poidan sufrir penalizacións por paradas na súa actividade profesional por cuestións persoais.

Comentarios