VENO DIRIXIDO “áS GRANDES EMPRESAS”

As Confrarías de Pontevedra tamén cargan contra o anteproxecto de Lei de Acuicultura

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra alíñase coas numerosas voces do sector que amosan publicamente o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de Acuicultura que prepara a Xunta, unha lei que ven dirixida “ás grandes empresas”.

As Confrarías de Pontevedra, que expresan o seu “profundo rexeitamento” cara ao texto normativo, denuncian nun comunicado que a lei na que traballa a Consellaría do Mar favorece “as grandes empresas acuícolas, con gran capacidade económica”.

Os pósitos xa presentaron as súas alegacións a unha lei que “non nace do diálogo e do compromiso cos axentes máis representativos do sector”. Tamén advirten do seu “temor” arredor da substitución da actividade marisqueira, “existe o temos sobre a implantación futura dunha acuicultura masiva e intensiva no ámbito marítimo terrestre co ánimo de substituír a actividade marisqueira e a pesca artesanal”.

Ademais, a Federación alerta dos “claros riscos de tipo ambiental”, así como da introdución de novas especies alleas ao país. As Confrarías, que piden a paralización da tramitación desta normativa, sospeita que a lei podería supoñer “a transformación do marisqueo a unha transición da privatización do dominio público”.

O profundo malestar que está a causar este anteproxecto de lei transcende o ámbito sectorial e mesmo produciu as primeiras disensións no Partido Popular, con cargos públicos da comarca do Salnés, unha das máis contestatarias, que se desmarcan do texto legal.

Comentarios