As confrarías estudan recorrer a apertura da mexilla en zonas de percebe

A Federación rexeita as "presións políticas" por parte dos bateeiros
Os percebeiros reclaman a  protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).
photo_camera Os percebeiros reclaman a protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).

A Federación Galega de Confrarías analizará este sábado se presenta un recurso xurídico en contra das resolucións emitidas pola Consellaría do Mar que decretan a apertura da mexilla, a cría do mexillón, en zonas de extracción exclusiva de percebe.

Así o acordaron nunha reunión sectorial do percebe decorrida onte na sede da Federación. Ao encontro estaban convocados todos os pósitos afectados para, segundo indicaron, analizar a problemática das aperturas de zonas "reservadas" para o percebe por parte do departamento galego "permitindo a extracción de sementes de mexillón".

Desta forma, a comisión sectorial do percebe acordou solicitar unha reunión da xunta xeral da Federación para o próximo sábado na que se estudará a posíbel presentación do recurso xurídico. Ademais, na cita abordarase a aprobación de accións de protesta por parte do sector para visibilizar as consecuencias que esta decisión política ten para o sector do percebe.

A Federación defende o mapa proposto a través da orde de 22 de decembro de 2021 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos sen que se produzan ampliacións de zonas de extracción de mexilla en detrimento das de produción de percebe.

Así, as confrarías lembran que só 16% das zonas de explotación están reservadas para o percebe. A organización tamén trasladou o seu rexeitamento ás presións políticas por parte de bateeiros indicando que "abocan á toma de decisións prexudiciais para o sector profesional pesqueiro do percebe".

Protestas dos bateeiros

Pola súa parte,  o sector bateeiro concentrouse en Santiago a pasada quinta para solicitar a devolución das zonas de extracción de mexilla que a Consellaría do Mar acordou vetar por decreto en 2019, 16% da costa, acoutada polo percebe. Así, piden recuperar a xestión da cría de mexillón.

Comentarios