Condenan Ferroatlántica a readmitir o traballador despedido por un comentario en Facebook

A sentenza tamén condena a empresa a abonar unha indemnización por vulnerar o dereito á liberdade de expresión do operario.

ferroatlantica

O xulgado do Social 3 da Coruña vén de ditar unha sentenza polo que declara nulo o despedimento de José Ramos, traballador de Ferroatlántica, membro da CIG e ex membro do comité, e condena Ferroatlántica SA á súa readmisión inmediata nas mesmas condicións que tiña. Ademais, obriga a empresa a pagarlle os salarios que deixou de percibir neste tempo e a abonarlle unha indemnización polo dano moral derivado da vulneración do seu dereito fundamental á liberdade de expresión sindical.

CIG lembra que Ferroatlántica despediu José Ramos, “que leva traballando na fábrica de Cee 28 anos”, logo do publicar este un comentario nunha rede social, fóra do ámbito da empresa, e nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e xusto catro días antes da celebración do referendo polo cal saíu aprobado o convenio colectivo.

No seu momento, a CIG denunciou que esta decisión non viña motivada polo prexuízo para a empresa ou o contido do propio comentario (que o traballador eliminou poucos días despois), senón que era unha represión de Ferroatlántica contra a central sindical pola loita contra a venda das centrais, non referendar o acordo marco estatal e non asinar o novo convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas.

Comentarios