Condenan o dono da franquía de McDonald´s en Ourense por ameazas e lesións a empregadas nas eleccións sindicais

CIG afirma que o empresario incorreu en “amezas, coaccións, presións e mesmo actitudes de agresividade física, de maneira moi especial con mulleres” para evitar que a central nacionalista tivese representación.

Ronald McDonald, emblema da cadea de comida rápida
photo_camera Ronald McDonald, emblema da cadea de comida rápida

O  propietario da franquía de McDonald´s en Ourense, Esteban Cuesta, foi condenado polo Xulgado de Instrución número 1 de Ourense por un delito leve de ameazas e outro lesións a dúas traballadoras do establecemento que rexenta no Fonsillón, segundo informa a CIG. Os feitos polos que agora é condenado, explica o sindicato, aconteceron en abril durante o proceso de eleccións sindicais que se levou a cabo na empresa. Dos tres delegados escollidos, dous foron da CIG.

Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, Esteban Cuesta empregouse a fondo en impedir por todos os medios que a central nacionalista obtivera representación sindical da empresa, e utilizou todo tipo de métodos para tal fin: “amezas, coaccións, presións e mesmo actitudes de agresividade física, de maneira moi especial con mulleres”.

Dúas delas denunciaron ante a Policía os feitos, o que derivou en xuízo e posterior condena. “É de salientar que son varias as persoas que na actualidade están de baixa médica por fortes síntomas de ansiedade como consecuencia desta presión”, lembran dende a CIG.

“Dende a CIG farémoslle chegar esta sentenza á Fiscalía a fin de que a teña en conta como proba documental; tamén nos dirixiremos á matriz de McDonald´s España en Madrid para reclamarlle medidas cautelares contra o seu franquiciado e pedirémoslle a retirada da titularidade de dita”, explican

Comentarios