Os concesionarios alertan de perdas de emprego no sector

O sector fechou 2021 con 6.398 traballadores na Galiza, case os mesmos que en 2020, mais desde a patronal cren que, de manterse a caída das vendas e da facturación, centos de persoas poderían perder o seu traballo.
Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)
photo_camera Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)

O 2021 non foi un bo ano para as vendas de vehículos novos na Galiza. De feito, foi un dos territorios onde máis caeron as matriculacións, cun esborralle de 17,1% fronte a alza de 1% estatal.

Con todo, o emprego no sector non acusou o golpe. Os concesionarios oficiais fecharon o ano con 6.398 postos de traballo na Galiza, 65 menos (-0,54%) que  en 2020, a pesar de que a súa facturación caeu 6,5%, até os 1.529 millóns de euros.

Segundo os datos presentados onte pola Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción (Faconauto), os centros de distribución mantiveron o emprego a pesar do "forte impacto que tivo sobre o mercado a crise dos semiconductores e as recaídas na situación sanitaria".

As vendas dos concesionarios galegos caeron 6,5% en 2021, até os 1.529 millóns de euros

Neste sentido, a falta de stock e o descenso das matriculacións explica a baixada dos ingresos dos concesionarios, segundo indica a patronal do sector.

Por áreas de actividade, a que máis "sufriu" en 2021 na Galiza foi a de vehículo novo, cun retroceso de facturación do 16,3%. Pola contra, tanto a posventa, que creceu 13%, como as vendas de vehículos de ocasión, cun alza de un 8,5%, lograron recuperar os niveis de vendas previos á pandemia.

Porén, as vendas de vehículos de segunda man seguen a acaparar o mercado, con 121.380 unidades vendidas, o que supón 4,7% que en 2020. Os vehículos novos representan tan só 17,2% do total.

Comentarios