Concentracións simultáneas na Galiza, Euskal Herria e Catalunya pola derrogación da reforma laboral

No marco campaña conxunta que CIG, ELA e I-CSC teñen en marcha para impulsar os cambios legais precisos no Congreso

 

CIG mobilización
photo_camera Imaxe da concentración ante a Delegación do Goberno español na Coruña.

A derrogación das reformas laboral e da negociación colectiva e o reforzo da axenda social diante da grave situación xerada pola pandemia son dúas das demandas principais das concentración simultáneas que hoxe, día 25, decorreron na Galiza, Euskal Herria e Catalunya.

CIG, ELA e a Intersindical-CSC convovaron estas mobilizacións simultáneas no marco da campaña conxunta que teñen en marcha para impulsar os cambios legais precisos no Congreso

Dentro desta campaña, as tres centrais sindicais solicitaron unha reunión coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para a que aínda non recibiron resposta; e mantiveron unha xuntanza telemática cos representantes dos grupos cataláns, galego e vascos no Congreso, a quen chamaron a forzar, canto antes, os cambios legais necesarios para impedir que, unha vez se poña fin aos ERTE, estes se convertan en ERE, grazas a unha reforma laboral que facilita os despedimentos colectivos ao non precisar as empresas da autorización administrativa algunha.

CIG, ELA e I-CSC denuncian tamén que o actual modelo de estatalización da negociación colectiva ten provocado unha maior precarización e empobrecemento da clase traballadora, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa. Por iso reclaman que se remate cun modelo que afasta a negociación colectiva das e dos traballadores, mais que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.

Na concentración que decorreu na Coruña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou a necesidade urxente da derrogación das reformas laborais, que cualificou de "fosa común onde van enterrando os nosos dereitos laborais". Denunciou que no actual contexto resulta "inmoral e incluso un delito contra os dereitos da clase traballadora" manter plenamente vixentes estas reformas por parte do Goberno español, mentres avanza a precariedade laboral e o desemprego "como se fora unha realidade sen causas e sen responsábeis".

Comentarios