Derrogación das reformas laborais

Concentracións nas cidades galegas en protesta pola "tortura para centos de miles de traballadoras"

A CIG lembra que o PP tardou "tres meses" en aprobar a súa reforma laboral e pide a mesma celeridade agora. Desde CCOO e UXT advirten que volverán ás mobilizacións se o Goberno español non de derroga. 
Concentración na Coruña diante da Delegación do Goberno español para pedir a derrogación das reformas laborais (Nós Diario).
photo_camera Concentración na Coruña diante da Delegación do Goberno español para pedir a derrogación das reformas laborais (Foto: Nós Diario).

As cidades galegas viviron esta quinta feira concentracións convocadas pola CIG como parte da campaña iniciada meses atrás para exixir a derrogación das reformas laborais e forzar unha saída galega xusta da crise. A primeira central sindical da Galiza volveu saír á rúa para denunciar que as normativas laborais aprobadas polos Gobernos do PP e do PSOE, por entender que están a ser utilizadas pola patronal para impor expedientes de regulación de emprego (ERE) e expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de maneira indiscriminada. 

Na concentración realizada na cidade da Coruña participou Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista. En declaracións aos medios de comunicación, indicou que "o avance da crise está a ser unha realidade cada vez máis imparábel e a reforma laboral é unha tortura para centos de miles de traballadoras e traballadores que se ven despedidas ou despedidos e están máis empobrecidas nas súas condicións de vida". 

Admitiu que están "fartas e fartos de que as declaracións se sucedan mais non veñan acompañadas de decisións políticas" e lembrou que ao Goberno de Raxoi "levoulle aproximadamente tres meses" aprobar a súa reforma, polo que "é criticábel que se siga atrasando tanto a derrogación inaprazábel da reforma laboral". 

Carril cargou tamén contra o diálogo social por considerar que é "compañeiro inseparábel para atrasar esta derrogación" por ser "o pretexto de que non sexa derrogada". En todo caso, para este sindicalista, en relación ás declaracións da Ministra de Traballo, “calquera prazo que se poña que supere unhas semanas será cómplice de quen podendo derrogalas agora non o fai”.

CCOO e UXT "volverían" ás mobilizacións

Ramón Sarmiento, secretario xeral en funcións de CCOO, afirmou tamén esta quinta feira, sobre a derrogación da reforma laboral, que desde o seu sindicato "non propomos unha volta ao pasado, á normativa laboral de 2012" tendo en conta de que "hai aspectos lesivos que hai que modificar". Entende que é o momento de "recuperar elementos para intervir no mercado laboral, como é a autorización preceptiva para realización de despidos polo fechamento dunha empresa".

Na actual situación, con ERE en marcha nalgunhas grandes empresas, pensa que "hai que empoderar a capacidade colectiva de negociación das traballadoras e traballadores a través de modificacións da reforma laboral". En todo caso, afirmou "confiar na palabra, mais se non se cumpre obrigaranos a entrar nun espazo de confrontación".

Máis contundente foi José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT, que ten a sensación de que no Goberno español "están a xogar ao policía bo e ao policía malo" por escoitar "a ministra dicindo que se derrogaría a reforma laboral e por outro o presidente do Goberno español non sendo tan claro nesta materia". 

En todo caso desde este sindicato consideraron que a derrogación "debería facerse con moita antelación" por saber "como actuarán as grandes corporacións na pospandemia". Se non se produce a derrogación das reformas, asegurou a Nós Diario que "iriamos cara ás mobilizacións que xa viñamos realizando". 

Comentarios