Concentracións contra os despedimentos por enfermidade

CCOO e UXT rexeitan a a polémica sentenza do Tribunal Constitucional e exixen suprimir o precepto legal que ampara a discriminación.

Mobilización contra os despedimentos por enfermidade na Coruña (CCOO)
photo_camera Mobilización contra os despedimentos por enfermidade na Coruña (CCOO)

Varias concentracións en cidades galegas convocadas esta cuarta feira por CCOO e UXT rexeitaron na Galiza os despedimentos por enfermidade após unha polémica sentenza do Tribunal Constitucional. Os sindicatos sinalan que a redacción dada pola reforma laboral de 2012 endureceu o Estatuto das Traballadoras e Traballadores, permitindo o despedimento obxectivo por ausencias intermitentes ao traballo, aínda que sexan xustificadas.

Desde CCOO e UXT aseguran que con esta sentenza individualízase totalmente o cómputo e acúsase a persoa traballadora polo feito de exercer o dereito a unha recuperación efectiva no caso de enfermidades de orixe común, entre outros dereitos.

Os sindicatos suliñan que a decisión consagra os beneficios empresariais fronte aos dereitos laborais

O resultado desta situación, suliñan os sindicatos, consagra a preeminencia da produtividade e dos beneficios empresariais fronte aos dereitos dos traballadores e das traballadoras, como pode ser, o dereito ao traballo e a recuperar a saúde tras unha enfermidade.

As mobilizacións tamén se realizaron noutras cidades do Estado español cunha moi boa participación. Os dous sindicatos insisten en que non desistirán ata devolverlle á lexislación do traballo o equilibrio que lle quitou a reforma laboral, e coidan “urxente e de xustiza” suprimir un precepto legal que ampara a discriminación contra as persoas cunha doenza.

Casos na Coruña

Lucía Trenor, secretaria xeral de CCOO-Servizos, explica que na Coruña en pouco tempo xa tiveron varios casos de despedimento por enfermidade. Polo de agora un decidiu facelo público. “É un traballador con cancro que tivo que tivo algunhas ausencias”, explica a Sermos Galiza, “e aínda que foi a traballar enfermo con tratamento de quimioterapia entrou nese período de 20 días e foi despedido”.

A Federación de Servizos de CCOO denunciou a empresa Konecta Comercializadora por este caso. O traballador despedido era un delegado sindical.

Comentarios