Concentración en apoio das granxas leiteiras perante "a peor crise do sector"

Unhas 500 persoas maniféstanse en Teixeiro para esixir unha solución á Xunta fronte aos baixos prezos e a falta de garantía na recollida. Esta semana, 22 explotacións tiveron que desbotar o leite.

Concentración en Curtis
photo_camera Concentración en Curtis


Os produtores de leite galegos advirten de que a actual crise ameaza con levar o sector ao “afundimento definitivo”. Esta foi unha das denuncias realizadas polas 500 persoas que este domingo se concentraron en Teixeiro, no municipio coruñés de Curtis, en solidariedade coas 22 granxas que esta semana tiveron que desbotar o leite producido porque a industria decidiu non recollelo.

“Que Pascual deixara de recoller leite en Galiza, que esta semana comezara a facelo Leche Río, ou que xa o anunciara a empresa Leitigal, son síntomas da peor crise pola que atravesa o sector leiteiro galego”, manifestou o Sindicato Labrego Galego. "Esta semana tocoulle a 22 granxas, pero no futuro pode sucederlle a calquera”.

“Estamos ao límite, cos prezos actuais nin sequera cubrimos gastos e moitas explotacións terán que botalo peche”, denuncian.

Alertan de que a situación, “lonxe de ser un problema conxuntural”, pon en risco a supervivencia do “principal motor económico” no medio rural “en virtude das políticas deseñadas fóra de Galiza” e dos abusos da industria. Por ese motivo, esixiron a intervención da Consellaría de Medio Rural e da Xunta, a quen acusan de ignorar a crise do sector e de favorecer a mesma industria que os arruína, cando esta situación se podería solucionar con medidas políticas. 

“Estamos ao límite, cos prezos actuais nin sequera cubrimos gastos e moitas explotacións terán que botalo peche”, criticou o voceiro da concentración, en declaracións para Radio Galega, onde recordou que os baixos prezos e a falta de garantía na recollida do leite deixan os produtores indefensos. 

Ademais do sector, na concentración estiveron presentes representantes públicos. Entre outros, algúns dos alcaldes e alcaldesas dos concellos da contorna como Boimorto, Toques, Santiso ou Sobrado. Tamén o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e da europarlamentaria de AGE e antiga sindicalista labrega, Lidia Senra. Non asistiu ningún dirixente do PP.
 

Comentarios