Os concellos, as oficinas de emprego de proximidade no século XXI

Facilitar un traballo a veciñas e veciños é outra das funcións, se cadra pouco coñecida na actualidade, dos concellos galegos. A súa proximidade coas persoas desempregadas favoreceu a realización de plans e obradoiros na procura da súa reincorporación ao mundo laboral actual. 
Obradoiro emprego en Carnota (Concello de Carnota)
photo_camera Obradoiro de emprego en Carnota (Concello de Carnota)

Os concellos galegos levan varios anos funcionando como auténticas oficinas de emprego. As interminábeis fileiras de persoas desempregadas nas antigas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (INEM), desde 2003 Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e coas competencias transferidas ao Servizo Público de Emprego da Galiza (SPEG), desapareceron en parte pola incapacidade destes centros para dar resposta positiva ás necesidades de acadar un traballo polo que non foron poucas as persoas que procuraron outras vías de achegarse ou volver ao mundo laboral.  

A dispersión demográfica e a proximidade posibilitaron que a implantación nos últimos anos de numerosos plans de emprego e obradoiros proporcionados por varias administracións a través dos concellos facilitaran o acceso ao actual mundo laboral. Un exemplo atópase no concello de Ponteareas. A concelleira de Emprego deste municipio, Vanesa Fernández, recoñece a Nós Diario esta función que desenvolve o seu departamento cada día. O contacto é directo. "Coñecemos perfectamente cales son os perfís, que estudos e experiencia laboral teñen e coñecemos as necesidades de todas estas persoas", asegura a este xornal, "polo que podemos seleccionar e facer unhas bases de cara a aqueles traballos que nos permitan integralas". Para a edil de emprego de Ponteareas o investimento que realizan as institucións neste tipo de plans é un éxito. "A inserción laboral é moi alta”, asegura.

Plans de emprego e obradoiros

Xunta e deputacións poñen a disposición dos concellos varias ferramentas con dotación económica para chegar ás persoas desempregadas que aproveitan municipios con menos poboación e con dificultades para mantela por este motivo. Un exemplo é o Plan de Emprego Local 2019-2020 da Deputación da Coruña que posibilitará a contratación de 173 persoas por parte de pequenas e medianas empresas de municipios de menos de 20.000 habitantes. Arzúa é un dos concellos que optan a esta proposta. "Estes días hai moito traballo administrativo, toca solicitar todas estas axudas que saen ao mesmo tempo", explica a Nós Diario a técnica de emprego municipal. Pola súa experiencia asegura que estes plans e obradoiros son positivos. "Hai casos nos que se consegue emprego e outros nos que remata o contrato e agardan a que saia outra vez a subvención", explica, "mais tamén contamos cunha bolsa de emprego local e coa experiencia ao final teñen continuidade", engade. 

No caso de Ponteareas a valoración destas iniciativas institucionais tamén é moi positiva. "Tratamos de participar en todos os programas que nos propoñen e mesmo contamos con achegas propias", asegura Fernández. Desde a súa área lanzaron novas ideas para complementar as existentes. "Iniciamos uns obradoiros de formación non só para persoas desempregadas, senón coa premisa de axudar a aquelas que pensen en mudar de profesión por estar a súa esgotada, algo que hai que ter en conta". 

Seguimento das persoas desempregadas

O proceso de introdución no mundo laboral compleméntase coa axuda na procura activa de emprego. "Aquí en moitos casos   temos que comezar por axudarlles a facer o currículo", explica a técnico de emprego de Arzúa, "tamén orientamos nos lugares onde poder envialos e como buscar emprego nas múltiples plataformas dixitais e físicas que son fundamentais hoxe en día", engade.

En Ponteareas a orientadora laboral realiza un seguimento personalizado da persoa demandante de emprego para constatar se o traballo municipal é efectivo ou non. "No caso dos obradoiros, por exemplo, temos en conta que as candidatas desexen en realidade volver entrar no círculo de traballo", explica Fernández, "queremos que esa persoa aproveite esa experiencia para que logo reverta no seu porvir e entre de novo no mercado laboral", afirma. 

Comentarios