O Concello de Verín recoñecerá a antigüidade na subrogación

O Concello de Verín terá que recoñecer a antigüidade de dúas traballadoras da anterior empresa adxudicataria da depuradora de augas municipais.
Concello de Verín (Nós Diario)
photo_camera Concello de Verín (Nós Diario)

O concello de Verín deberá recoñecer a antigüidade de dúas traballadoras da anterior empresa adxudicataria da depuradora de augas municipais. Desde CIG-Verín aseguran que estas dúas primeiras sentenzas favorábeis son un "suma e segue" da Concellaría de Persoal que "primeiro decide a subrogación de traballadoras e traballadores,  cuestión coa que estamos de acordo, mais unha vez subrogados incumpre todas as normas derivadas destes procesos". 

A subrogación non se negociou no seu momento cos sindicatos con representación neste concello e, para a CIG-Verín, "con esta decisión crearon dúas clases de traballadoras e traballadores nesta administración, incompatíbeis co principio de igualdade: as do Concello e o persoal subrogado. 

"Saíulles mal", explican desde a central sindical nacionalista, "xa que pretendían privar este persoal subrogado do complemento de antigüidade previsto no convenio e agora son condenados, por non negociar, a pagar a antigüidade polos convenios de orixe". Desde a central sindical nacionalista sosteñen que "isto é só a punta do iceberg", por estar nesta mesma situación unhas 70 traballadoras e traballadores.  Explican que se dará o mesmo caso nos servizos de axuda no fogar (SAF) e no persoal da recollida do lixo. "Alguén neste Concello tería que deixar de vender fume e poñerse a planificar e dignificar as relacións laborais", rematan.

Esta non foi a única reclamación que perde o concello de Verín nos xulgados. O pasado 7 de febreiro tivo que nomear como persoal fixo descontinuo a dúas auxiliares da policía local que estaban a ser contratadas cada ano nos meses de verán como persoal temporal.  Até o momento esta "novidosa" doutrina xudicial era para casos moi específicos, a maioría deles a persoal dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais.

Comentarios