Denuncia da CIG

O Concello de Negreira boicoteou a greve do 8 de marzo

Con tres persoas contratadas. Así boicoteou o Concello de Negreira a folga do pasado 8 de marzo. Fíxoo para evitar o impacto da greve na escola infantil, denuncia a CIG.

greve mulleres

O 8 de marzo, Día da Muller Traballadora e xornada de loita en que sindicatos como a CIG, a CUT, CNT ou o SLG convocaron unha folga de 24 horas, o Concello de Negreira, do que é alcalde Jorge Tuñas Caamaño (PSOE) contratou tres persoas para substituír tres traballadoras da escola infantil municipal que secundaron a greve.

Previamente, a dirección do centro pediulle a cada unha delas que dixesen se ían ou non ir á folga. A CIG lembra que é ilegal exixir ao persoal que informe con antelación da intención de secundar o paro e aclara que o que cumpría era estabelecer uns servizos mínimos, garantindo ao resto das traballadoras o exercicio do seu dereito fundamental.

A central sindical informa de que “o centro non cobre ausencia ningunha nin bota man das listas de substitución cando prevé que unha traballadora vaia estar de baixa menos de tres días, como tampouco cobre a quen colla días por asuntos propios”. Porén, si o fixo con motivo da folga convocada para o 8 de Marzo.

“A non cobertura de baixas ou días de asuntos propios provoca que o persoal teña que se amañar como pode para subsanar a ausencia da compañeira ou compañeiras que non asisten a traballar ese día, chegando mesmo a infrinxir a legalidade porque, moitas veces, se a persoa que falta é a titora de aula queda ese día a persoa de apoio correspondente á fronte desa aula”, denuncia a CIG.

Estes antecedentes, advirte o sindicato nacionalista, demostran que a substitución destas tres traballadoras, “tiña como obxectivo que a folga de mulleres pasase desapercibida vulnerando o dereito fundamental das traballadoras a secundala”.

Comentarios