O Concello de Lugo planexa contratar a Tragsa para recoller o lixo perante a folga do plantel de Urbaser

Desde a asemblea de traballadores advirten que de se confirmaren as informacións publicadas nos medios de comunicación impedirán que se vulnere o seu dereito a folga, mesmo por vía xudicial. 

Concello de lugo
photo_camera Concello de lugo

"Se esta tarde vén Tragsa impediremos que recollan o lixo e denunciaremos o concello, a Urbaser e a propia Tragsa por vulneraren o dereito a folga dos traballadores". Así de taxativ@s se amosan desde a Confederación Intersindical Galega perante as informacións publicadas en diversos medios de comunicación e segundo as cales, a equipa de goberno de Lugo estaría a negociar con Tragsa a recollida do lixo acumulado nas rúas da cidade após tres días de folga do plantel de Urbaser e ás portas dunha das maiores celebracións da cidade, o Arde Lucus. 

O conflito intensifícase así logo dos despedimentos acontecidos a pasada terza feira. "Ríome eu dos discuros do PSOE", sinala Carmen Antas en conversa con Sermos Galiza. A sindicalista da CIG refírese así ás declaracións do presidente da Deputación de Lugo, Gómez Besteiro, quen asegurou que os contratos das institucións encabezadas polo seu partido exixirían nos contratos asinados con calquera empresa 'cláusulas sociais' e rexeitarían calquera que incumprise os dereitos dos traballadores. "Urbaser incumpre os dereitos e, quen é a adxudicataria?", pregúntase Antas. 

Denuncian a cumplicidade do Concello de Lugo no conflito laboral

O Concello é "responsábel", afirman desde a CIG, "da situación que vive a cidade". En boa medida porque o servizo do que é concesionaria Urbaser é municipal. Mais ao longo deste tempo, subliña Antas, "non foi capaz" de mediar para procurar unha solución que atenda as demandas dos traballadores. Nen sequer, cando Urbaser comunicou o despedimento a 10 traballadores, e a "abertura de expediente disciplinario a todo o comité de folga". 

Ao contrario, o goberno local ditaminou un "decreto de servizos mínimos que supón unha vulneración gravísima do dereito a folga" e que a asemblea de traballadores decidiu "recorrer" e "incumprilo". Razón pola que Urbaser xustificou os despedimentos. "O Concello é un colaborador", denuncian, "e aínda por riba Orozco leva toda a semana desaparecido". 

"Non sei como poden permitir a represión que Urbaser puxo riba da mesa", afirma Antas. Porén, asegura que "os despedidos están a pé de folga" e "continúan nos piquetes", embora a "preocupación" por teren sido botados á rúa "sempre está aí". 

Os traballadores despedidos continúan "en pé de folga"

Após 3 días do inicio do paro, "o 100% do plantel está secundando a folga" polo que só están a traballar "os mandos intermedios". E así continuarán até que Urbaser re-admita os empregados despedidos e sente a negociar a actualización dos salarios, conxelados desde 2011. Porén, a empresa rexeita calquera mediación ou mesa de negociación se os traballadores manteñen o paro. 

Desde a asemblea de traballadores afirman que continuarán na loita e afirman que conseguirán, se é preciso, "a nulidade dos despedimentos pola vía xudicial". Aliás, esta mesma tarde volverán a percorrer en piquete o centro da cidade e advirten, que non permitirán que Tragsa recolla o lixo e "vulnere" a súa loita. 

Comentarios