Compromiso dos alcaldes da Costa da Morte para instar a Xunta a que faga valer as cláusulas concesionais en Ferrroatlántica

Reunión de representantes do persoal da factoría e dos rexedores da comarca para tratar a situación do ERTE formulado pola dirección.

ferroatlantica alcaldes

Hai un compromiso dos alcaldes da Costa da Morte para solicitar unha reunión co presidente da Xunta para que inste a Ferroatlántica a activar os fornos, atendendo ás condicións concesionais das centrais hidroeléctricas que lle permiten obter enerxía con este recurso público. Isto é o que a CIG destaca da xuntanza mantida entre representanets do persoal e rexedores da comarca.

“A Xunta ten que facer valer as cláusulas das concesións para obrigar a empresa a deixar sen efecto este fraudulento ERTE, especialmente tendo en conta que Ferroatlántica decidiu non aplicar o expediente na planta de Santander apenas un día despois de asinarse o acordo”, indica a central nacionalista.

Desde que a principios de ano a empresa comunicou a súa decisión de parar dous fornos e deslocalizar a produción de manganesos a outras fábricas do grupo procurábase este compromiso.

Neste senso, dende a sección sindical da CIG chamouse a seguir coa axenda de negociación, mobilización e de denuncia para conseguir "que o ERTE non teña consecuencias máis negativas que as negociadas en Madrid" e ao tempo presionar a Xunta "para que faga valer a vinculación entre a produción eléctrica e a industrial ".Tamén chaman a presionar o Goberno español para que aprobe canto antes a regulación completa dun marco enerxético estábel para a industria electrointensiva.

Comentarios